Renovación do peche de madeira do parque da praza Juan Salgueiro de Silleda

Silleda, 26 de marzo de 2018.  O Concello de Silleda vén de iniciar hoxe os traballos de mellora no parque da Praza Juan Salgueiro de Silleda (antiga praza da Feira Vella). A actuación que se está levando a cabo consiste na substitución de todo o valado exterior da zona de xogo infantil, que estaba moi deteriorado e mesmo sen madeira nalgún tramo.

Todo o recinto conta con máis de 50 metros de valla, que se repón co ánimo de mellorar este enclave. Con esta actuación o Concello inicia obras para mellorar as zonas de ocio e esparcimento, tendo en conta que esta praza é unha das máis concorridas da vila.

“Logo de renovar o parque da praza da Igrexa e do Bandeira con esta actuación seguimos apostando por mellorar os parques infantís do municipio”, explica o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey.

Nas últimas semanas tamén se levaron a cabo outras melloras no ámbito do mobiliario urbano en Silleda e na Bandeira, coa reposición de bancos e papeleiras, entre outros.

Tamén no parque municipal das Pedrosas, onde o pasado venres se estrenou a rede de iluminación e novos sendeiros se procedeu á limpeza da cancha da baloncesto por parte do servizo municipal de xardinería.

“De cara á primavera estamos a preparar os espazos de ocio e lecer para disfrute dos veciños e veciñas”, indica o concelleiro.