Rexistradas un total de 280 solicitudes para a bonificación do IBI a explotacións agrogandeiras

Silleda, 8 de abril de 2017.  O Concello de Silleda rexistrou dende o pasado día 1 de xaneiro un total de 280 solicitudes para acollerse á bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles para as construcción agrogandeiras.

Esta medida foi acordada polo goberno municipal, logo de saber que a revisión catastral integral realizada dende a Dirección Xeral do Catastro incluiría a referenciación de construccións relacionadas co sector primario. Os propietarios de estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo-  foron atendidos nos últimos tres meses no  Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, onde se tramitaron as solicitudes das correspondente bonificación, logo da entrada en vigor o pasado 1 de xaneiro da ordenanza.

Coa modificación da normativa municipal, proposta pola Alcaldía no pleno de maio de 2016, recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego.

Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro, que marca como prazo ata o ano 2016 para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.

A consecuencia disto, as instalacións agrarias inclúense agora no Imposto de Bens e Inmobles, co cal pasarán a pagar a cota correspondente.

Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. “Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, que advirte que con esta bonificación “tamén axudamos a un sector que agora se ve afectado por esta revisión catastral do Estado logo das moitas vicisitudes polas que vén pasando”, engade.

Novo prazo en 2018

Tal e como estipula a normativa municipal, para o vindeiro ano 2018 abrirase de novo un prazo dende o 1 de xaneiro e ata o 31 de marzo para que todos aqueles veciños e veciños que non tramitaran este ano a solicitude poidan facela. No caso dos que xa solicitaron este ano, para o próximo exercicio só terían que acreditar que a explotación sigue en activo.

“Mentres a ordenanza non se modifique este prazo seguirá vixente para que os veciños e veciñas do rural que teñan este tipo de construccións e estén en activo poidan beneficiarse desta medida”, engade Cuiña, lembrando que a bonificación se explicou en todas as parroquias.