Silleda acolle o vindeiro 17 de febreiro unha sesión informativa de Adicae sobre cláusulas hipotecarias

Silleda, 9 de febreiro de 2017. Silleda acollerá o vindeiro venres día 17 de febreiro unha charla da Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (Adicae), organizada polo Concello de Silleda e a Asociación de Veciños Olaia.

A cita será o vindeiro venres día 17 ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Silleda. Trátase dunha sesión aberta a todo o público interesado na que se falará sobre gastos hipotecarios, os dereitos dos consumidores, e se abordarán cuestións de actualidade como as cláusulas do solo das hipotecas. Dende o Concello e o colectivo Olaia faise un chamamento a todas as persoas que puideran estar afectadas ou aquelas que teñan dúbidas ou queiran informarse sobre os trámites hipotecarios cas entidades bancarias, para que asistan a esta sesión informativa.

A entidade Adicae foi a que presentou no seu día a demanda colectiva para a devolución das cláusulas hipotecarias.

Asimesmo, o Concello de Silleda atendeu dende finais do mes de decembro, cando se coñeceu a histórica sentenza do Tribunal Europeo, a varios usuarios para realizar as reclamacións das clausulas hipotecarias.

Houbo xa peticións atendidas relacionadas tanto coas chamadas cláusulas do solo como cos gastos de formalización das hipotecas. Todas estas cuestións estanse a tramitar dende a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), onde se informa e asesora aos usuarios, aportándolles toda a documentación precisa e ofertándolles tamén a maiores un teléfono para asesoramento xurídico gratuito.

Dende que a xustiza europea dera a razón aos usuarios obrigando aos bancos e caixas a devolver os cartos abonados polas chamadas cláusulas do solo foron varios os veciños que se interesaron polos trámites para a devolución.