Silleda acolle un torneo de fútbol na categoría Prebenxamín con 16 equipos

 

Silleda, 2 de maio de 2013. O campo de fútbol de Outeiriño acolle o vindeiro sábado día 4 de maio un novo torneo de fútbol base, organizado pola Escola de Fútbol de Silleda. A cita será para a categoría de Prebenxamín (6-7 anos) coa participación de 16 equipos. Ademais da entidade anfitriona, que contará con dous equipos, tamén participarán formacións da comarca coma o Lalín, Vila de Cruces, Arzúa ou Melide, así coma o Céltiga de Vilagarcía, o Arrabaldo de Ourense ou varios equipos de Santiago (coma o Fátima, Conxo ou Vistalegre), entre outros.

A cita comezará ás 09.30 horas e o torneo, de fútbol 8, disputarase coa formación de 4 grupos. Os dous primeiros de cada un pasarán á fase final e os segundos á de consolación. A gran final está prevista para as 20.00 horas, coa entrega de premios a continuación (ás 20.45 horas). Todos os equipos participantes levarán un trofeo de participación e dende a organización entregarase auga e froita durante toda a xornada aos participantes.

Dende a Escola de Fútbol Silleda agárdase unha grande afluenza de público a este torneo, que toma o relevo do exitoso certame de Benxamín e Alevín, celebrado en setembro e que voltará este ano.