Silleda e Paredes de Coura asina o compromiso de irmandamento

Silleda, 26 de novembro de 2017. Silleda e o  municipio portugués de Paredes de Coura serán nos vindeiros meses localidades irmáns. Os alcaldes da dúas localidades, Manuel Cuiña e Vitor Paulo Pereira, asinaron hoxe o compromiso de irmandamento nun acto celebrado no salón de Plenos, ao que asitiron ademais de membros da Corporación representantes do Comité de Irmandamento e membros da Escola do Rock de Paredes, que protagonizou o primeiro achegamento entre os municipios coa música como protagonista

O xuramento asinado hoxe indica que dacordo co principio de subsidiraridade, ámbalas dúas localidades se comprometen a manter lazos permanentes a fin de dialogar, intercambiar experiencias e poñer en práctica toda acción conxunta susceptible de enriquecerse mutuamente .

Outro dos obxectivos pasa por favorecer e apoiar os encontros entre a cidadanía das dúas localidades co fin de desenvolver, a través dunha mellor comprensión mutua e unha cooperación eficaz, o sentimiento da fraternidade europea ao servizo dun destino común.

Tamén se busca promover, por medio de intercambios, os valores universais da liberdade, a democracia, a igualdade e o Estado de Dereito.

Cuiña destacou o éxito do primeiro intercambio cultural e amosou o seu desexo de continuar avanzando co obxecto do desenvolvemento, benestar e prosperidade dos nosos municipios”, indicou sinalando ademais que a nivel económico se abren novas posibilidades no caso de Silleda podendo optar a distintos proxectos europeos.

Pola súa banda, Vitor Paulo Pereira agradeceu a acollida de Silleda durante a fin de semana e amosouse seguro do éxito de vindeiras iniciativas conxuntas.

Paredes de Coura súmase así ao irmandamento con Caneján (Francia) asinado o pasado mes de agosto. Os intercambios socioculturais e a concorrencia conxunta a proxectos europeos figuran entre as liñas de actuación destas iniciativas de irmandamento.

O intercambio empresarial, o desenvolvemento do sector agrogandeiro, ou o patrimonio cultural e musical son algúns dos ámbitos que centrarán o futuro irmandamento con esta localidade situada no distrito de Viana do Castelo.

 Concerto Rock

Os actos remataron no auditorio da Semana Verde onde alumnos da Escola do Rock de Paredes, localidade que acolle cada ano un dos festivais internacionais máis prestixiosos do xénero, compartiron escenario con músicos silledenses que no seu día formaron parte de grupos como Kona ke te fixo, Badanas, Segundo Izquierda, Somos Tres ou Centinela de Piedra.

Sobre o escenario sonaron coñecidos temas coma o Rock and Roll dos míticos Led Zeppelin, temas de Motorhead, Sonic Youth, o Jhnny B Good de Chuck Berry ou temas do panorama rock nacional de grupos como Siniestro Total, Fito y Fitipaldis,  Soda Stereo, La Cabra Mecánica ou La Fuga.

A Escola do Rock de Paredes, creouse hai 4 anos e nela fórmanse preto de 50 alumnos e alumnas en distintas disciplinas. Con este primeiro achegamento ábrense tamén novas posibilidades de acción conxunta no plano cultural.