Silleda experimenta no que vai de ano un repunto nos datos de natalidade

Silleda, 15 de agosto de 2014. O municipio de Silleda vén experimentando no que vai de ano un pequeno repunte nas cifras de natalidade. Así, ata o pasado mes de xullo rexistráronse un total de 43 novas altas correspondentes a novos nacementos. Esta cifra aseméllase á cifra de nenos/as nadas en todo o ano 2012, cando se rexistraron un total de 49 nacementos.

“Á vista dos datos deste ano, todo apunta que 2014 rematará cun pequeno repunte no que se refire á natalidade”, explica o alcalde, Manuel Cuíña, que advirte que aínda así, o crecemento vexetativo da poboación, “ao igual que ocorre en moitos outros concellos galegos segue a ser, por desgraza negativo”.

Tomando como referencia os dous últimos anos, os datos apuntan a unha progresión en canto a novos nacementos. Así, dos 49 nacementos rexistrados no ano 2012, no pasado ano 2013, a cifra aumentou lixeiramente, cun total de 56 novas altas.

Aumento en xuño

Ao longo dos dous últimos anos o número de nacementos por meses rexistrou cifras baixas, sen chegar mesmo a decena. Asimesmo houbo meses nos que non se rexistrou ninguna alta por nacemento.

Por meses, o maior repunte deuse en xuño deste ano, “con unha cifra excepcional nos últimos tres anos, ao contabilizarse 11 nacementos. Sabemos que non son moitos, pero dende logo comparativamente, se temos en conta os tímidos datos dos últimos anos, pódese dicir que foi unha cifra récord”, engade o alcalde, Manuel Cuíña.

Dende o goberno municipal lémbrase que nos últimos anos se teñen posto ademais en marcha medidas  para fomentar o empadronamento e lograr aumentar a poboación. “Sabemos que hai xente que está residindo en Silleda pero que non está empadroada, por iso é preciso que continuemos avanzando con distintas iniciativas para conseguir aumentar a poboación, que a día de hoxe roza os 9.000 habitantes e paliar a sangría demográfica que nos afecta ao igual que a outros moitos municipios”, sinala Cuíña facendo un chamamento a todas aquelas persoas que aínda residindo en Silleda están empadroadas en outras localidades.

Así, en distintas ordenanzas xa se estabrecen condicións para os usuarios en función de se están ou non empadroados no Concello de Silleda, nalgúns casos con bonificacións. Tal é o caso dos bonos familiares para o uso das piscinas municipais durante toda a época estival, e que só se venden a persoas que estén empadroadas en Silleda. Así, tamén no Servizo Lúdico Educativo aqueles nenos/as usuarios que non estén empadroados deberán de abonar o servizo completo, sen bonificación alguna nas taxas.