Silleda logra outra inversión histórica con máis de 590.000 euros para urbanizar o entorno da Residencia de Maiores

Silleda, 5 de abril de 2018.  A vila de Silleda continúa mellorando a súa rede viaria e entorno cun novo proxecto. Baixo o nome “Mellora da Mobilidade Peonil na EP 6518 Silleda-Ponte”, acometerase a urbanización do entorno que discorre entre a rotonda de acceso á Semana Verde e a Residencia e Centro de Día de Maiores, que se está a construir.

Esta actuación conta cun orzamento de 594.320,42 euros, que chegan a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra –titular desta vía- e o Concello. O acordo, que está previsto tamén dar conta no pleno de mañá, establece que a Deputación aportará o 70 por cento da inversión e o Concello o 30% restante.

“Logramos con esta actuación outra inversión histórica para o noso municipio que mudará o aspecto desta zona e suporá iniciar un proxecto máis ambicioso a nivel de ordenación urbanística”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

A actuación nlevarase a cabo nun tramo de 441 metros, dende a intersección coa rúa Feira Internacional de Galicia ata a rotonda da PO-205. O proxecto suporá a transformación desta vía, na pasa a humanizarse con distintas actuacións (medidas de sinalización, clamado de tráfico e creación de espazos peatonais).

Creación dunha praza urbana

Así mesmo, e dadas as características do terreo, tamén se proxecta crear unha meseta elevada como zona de convivencia –entre a Residencia e o Hotel Vía Argentum- con carácter de praza urbana.

Inclúense ademais melloras en distintos servizos como o alumeado público, saneamento e abastecemento, soterramento de liñas eléctricas, xardinería e mobiliario urbano.

“Con esta actuación que esperamos poder tramitar canto antes non só culminaremos un dos servizos máis agardados polos veciños e veciñas como é a futura Residencia e Centro de Día de maiores, senon que tamén se abrirá a creación do que será o cinturón verde de Silleda, unindo a zona deportiva e do recinto feiral coa carballeira das Pedrosas na que tamén se vén de acometer unha importante mellora e incorporando iluminación”, indica Manuel Cuiña.

A humanización  deste entorno, ubicado preto do recinto deportivo e educativo de Silleda contribuirá tamén a reforzar a seguridade viaria neste tramo.

“A día de hoxe en Silleda estanse executando ou a punto de iniciarse obras destacadas como a Residencia o campo de fútbol de Bandeira, ou a futura rede de calor con biomasa que será pioneira en Galicia, e que supoñen unha inversión total que ronda os 6 millóns de euros”, explica o alcalde.