Silleda participa nun programa europeo de cooperación cultural con localidades de Francia, Hungría e Italia

Silleda, 21 de xaneiro 2017.  O municipio de Silleda participará nun proxecto europeo de cooperación cultural xunto con locaidades de outros tres países. Baixo o título “La solidaridad europea en tiempos de crisis”, o proxecto concorrerá ao programa europeo Europa con los Ciudadanos. Esta iniciativa chega grazas ao irmandamento de Silleda coa localidade francesa de Caneján.

Será alí onde se celebre o vindeiro mes de agosto, entre os días 22 e 27, un encontro intercultural no que ademais de Silleda e Caneján participarán as localidades de Poggio Mirteto (Italia) e Nagykowacsi (Hungría). Neste encontro en Caneján formalizarase tamén o irmandamento entre Silleda e o municipio francés, logo da sinatura do documento previo o pasado mes de decembro, durante a visita da delegación francesa a localidade dezá.

“Grazas a este irmandamento con Caneján teremos a posibilidade de participar en proxectos tan interesantes coma estes e mesmo de optar a outras liñas de axuda europeas que redunden no beneficio dos nosos cidadáns”, indica o alcalde Manuel Cuiña.

Así, con esta iniciativa, Silleda podería beneficiarse de programa coma Erasmus Plus, que fomenta o intercambio e estadía de mozos e mozas de entre 17 e 30 anos en países de Europa.

“Aproveitaremos este intercambio cultural en agosto para abrir novas vías de colaboración con estas localidades de Hungría e Italia”, indica o alcalde Manuel Cuiña.

Caneján liderará o proxecto que optará ao programa Europa con los Ciudadanos, vista a súa ampla experiencia en cooperación territorial e programas de intercambio.  No ámbito dos irmandamentos, a localdiade francesa está hermanada xa dende 2003 coa cidade italiana de Poggio Mirteto, situada preto de Roma.

A relación con Caneján iniciouse o pasado mes de setembro coa visita do alcalde Manuel Cuiña e a concelleira Pilar Peón a estas terras da rexión da Aquitania e continuou o pasado mes de decembro  coa estancia en Silleda dunha delegación francesa e a sinatura do protocolo para o irmandamento, aprobado en pleno o pasado mes de novembro.  

“No mes de agosto formalizaremos xa o irmandamento con Canejan ao tempo que abriremos novos frentes con este proxecto de cooperación que poden ser moi interesantes para os nosos veciños, veciñas e colectivos”, engade Cuiña.