Silleda, primeiro Concello de Galicia que conta con enxeñeiro industrial en prácticas en virtude do convenio entre a Fegamp e o Colexio Oficial

Silleda, 6 de marzo de 2017.  O Concello de Silleda contará ata o vindeiro mes de setembro na súa plantilla cun enxeñeiro superior industrial en prácticas, en virtude do convenio asinado entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

O Concello de Silleda é o primeiro municipo que se acolle a este acordo para contar cos servizos dun titulado que se formará en practicas. Así o destacou o decano do Colexio de Enxeñeiros de Industriais de Galicia, Oriol Sarmiento, que visitou o Concello para asinar co alcalde, Manuel Cuiña, o acordo.

Ricardo González Santos, enxeñeiro superior industrial iniciou hoxe luns o traballo no Concello de Silleda, onde realizará un interesante estudo sobre as posibilidades da biomasa no municipio.

“Estamos moi satisfeitos e consideramos que o proxecto que presentou o enxeñeiro seleccionado será moi beneficioso para o noso municipio, xa que o aproveitamento da biomasa e o seu potencial é unha das liñas polas que estamos apostando dende o Concello de Silleda”, remarca Manuel Cuiña. Así, o alcalde lembra que o aproveitamento da biomasa é asimismo un dos compromisos do seu programa de goberno, ligado ademais á posta en marcha do Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda.

O Concello de Silleda aprobou o acordo de adhesión ao Convenio entre o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia e a Fegamp en novembro do pasado ano.

O mes pasado leváronse a cabo no Concello as entrevistas cos candidatos seleccionados e enviados dende o Colexio.

“O proxecto elaborado por Ricardo González pareceunos moi completo e de sumo interese”, indica o alcalde, que agradece a colaboración dende o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais.