Silleda rexistrou 5 casos de violencia de xénero no último semestre

Silleda, 29 de marzo de 2017. A  Mesa Local de Coordinación para a Erradicación da Violencia de Xénero creada en 2009 en Silleda para abordar dende diferentes áreas e Administracións a Violencia contra as mulleres, mantivo esta tarde unha nova xuntanza. Baixo a presidencia da concelleira de Igualdade, Pilar Peón, os representantes de distintas institucións analizaron e puxeron en común distintas cuestións e problemáticas.

Así, ademais de falar de novidades en materia de xénero, dende o Centro de Información á Muller (CIM) da Concellería de Igualdade, a directora e a psicóloga, Carmen Miranda e Anxos García, deron conta da programación anual e os calendarios de actuación previstos para 2007, con actividades que entre outros teñen como destinatarios a comunidade educativa, para a realización de accións preventivas.

Tamén se solicitou a aportación dos distintos organismos ao IV Plan de Igualdade do Concello de Silleda, que se está xa elaborando. Por outra banda durante a xuntanza fíxose entrega de exemplares da publicación “Manual de Prevención da Mutilación Xenital Feminina. Boas Prácticas” que se enviará entre outros a centros educativos e ao Centro de Emerxencias de Vigo (Cemvi) representado na Mesa de Silleda por Elena Molanes.

Así mesmo, os integrantes da Mesa analizaron en puxeron en común os 5 casos de violencia de xénero acaecidos en Silleda nos últimos seis meses, con senllas ordes de alonxamento. As 5 vítimas son de nacionalidade española.

Na reunión estiveron tamén presentes Paz Pérez, Xefa da Unidade contra a Violencia á Muller; Javier Quiroga, Xefe do Grupo contra a Violencia de Xénero da Policía Xudicial; Daniel Ríos, sarxento da Garda Civil de Silleda; José Manuel García, inspector da Policía Local de Silleda e Beatriz Cuiña, traballadora social do Concello de Silleda.