Silleda Solidaria mantén a recollida de alimentos nos supermercados ata o vindeiro día 17

 

Silleda, 7 de maio de 2013. O Concello de Silleda, a través do programa Silleda Solidaria, continúa coa recollida de alimentos nos supermercados para surtir o banco municipal . Esta campaña estase a levar  a cabo nos establecementos da Bandeira e de Silleda, onde están colocadas caixas para que os usuarios poidan depositar alimentos non perecedeiros. A campaña continuará aberta ata o vindeiro día 17. A día de hoxe, o banco de alimentos de Silleda Solidaria precisa de produtos coma leite, conservas ou iogures para dar resposta ás necesidades das familias con menos recursos, polo que se fai un novo chamamento á solidaridade da cidadanía.

A día de hoxe, a través desta iniciativa que coordina o departamento municipal de Servizos Sociais estáse a prestar a atención a máis de 50 familias. “O reparto de alimentos está a ser importante para moitas familias. A crise cambiou o perfil dos usuarios”, sinala a concelleira de Servizos Sociais, Dolores García.

Dende o programa Silleda Solidaria agradécese a colaboración de todos os veciños e veciñas que coas súas doazóns contribúen a aumentar as provisións do banco de alimentos, para o seu reparto entre as familias usuarias. Do mesmo xeito, tamén se agradece a colaboración e participación nesta campaña dos colectivos e asociación integrados no programa municipal Silleda Solidaria, que actúan como canalizadores dos avisos emitidos e tamén como detectores de posibles casos de axuda.

O roupeiro municipal ou outras iniciativas que se poñerán en marcha en breve coma o banco de libros ou as hortas solidarias, complementan o programa municipal.