Silleda Solidaria recibe os xoguetes do IES Pintor Colmeiro, A Galiña Azul e o Colexio María Inmaculada

 

 

Silleda, 21 de decembro de 2012. O reparto de xoguetes de Nadal repite en Silleda con gran éxito, amosando a solidariedade da cidadanía. Este ano o reparto realizarase dende o programa Silleda Solidaria, a través do cal se están a xestionar todos os recursos para responder ás familias máis con menos recursos.

Dende o Concello, a alcaldesa Paula Fernández, destaca que “ ano máis, dende os centros educativos a resposta foi fabulosa” e agradece o xesto xeneroso dos alumnos, alumnas, e de toda a comunidade educativa que segue a participar activamente neste tempo de Nadal con propostas solidarias coma a recollida de xoguetes.

Así, hoxe procedeuse á recollida dos xogos e xoguetes aportados polo alumnado do IES Pintor Colmeiro (que envolveron os alumnos/as do ciclo de comercio); da Escola Infantil A Galiña Azul, e tamén do Colexio María Inmaculada, que ademais tamén donou ao programa a recadación do seu mercadiño solidario.

 

Entrega de alimentos

Do mesmo xeito, na Galiña Azul recolléronse alimentos que pasarán a incrementar os fondos do banco do Silleda Solidaria, ao que seguen a chegar novos aprovisionamentos grazas á solidariedade de moitas persoas. Hoxe mesmo terá lugar a exhibición deportiva que tamén recollerá alimentos (será o “pago” da entrada) e a vindeira semana a S.D Silleda ten organizado un torneo de fútbol no que tamén se recollerán xoguetes.

As campañas realizadas noutros centros como a Escola de Música, o Centro Cultural Vistalegre, ou a promovida por las empresarias Yolanda Villar, Isabel Ferreiro e Conchi Cochón, así como a inestimable colaboración de moitos comercios e empresas do municipio farán máis levadeiras estas datas a moitas familias que o precisan.

“Cando lle puxemos a este programa o nome de Silleda Solidaria non nos equivocamos, porque efectivamente este pobo é cada día máis solidario”, remarca a alcaldesa, Paula Fernández que reitera o agradecemento en nome de todos os veciños e veciñas a todos aqueles que fixeron as súas aportacións.