Silleda súmase á iniciativa para dotar de desfibriladores as instalacións deportivas

 

Silleda, 13 de decembro de 2012. O Concello de Silleda acordou sumarse á iniciativa da Deputación de Pontevedra para contar con desfibriladores semiautomáticos en instalacións deportivas. A Concellería de Deportes, que dirixe Klaus Brey, propón destinar este dispositivo, para poder dar resposta a posibiles continxencias como unha parada cardiorrespiratoria, no complexo deportivo situado na avenida do Recinto Feiral, onde se ubica o pavillón municipal César González Fares, o campo de fútbol de Outeiriño e as piscinas, e onde se concentra un gran número de persoas para a práctica de actividades deportivas.

“Consideramos que se trata dunha boa iniciativa e decidimos sumarnos porque se algún día ocorre algunha incidencia podería precisarse o uso dun desfibrilador”, declara o concelleiro.

Segundo se recolle na proposta enviada dende o organismo provincial, a Deputación financiaría o 50% do custe do desfibrilador semiautomático externo. O prezo, así como a correspondente formación do persoal non médico para instruilo no manexo do dispositivo, non superará os 1.300 euros.

Máis de 1.000 persoas

No Concello de Silleda, coa intención de promover hábitos saudables entre a poboación, puxeronse en marcha un ano máis as escolas deportivas municipais, cun total de 13 modalidades (aerobic, aquagym, ballet, baloncesto, tenis, pádel, equitación, fútbol, ximnasia terapéutica, natación, patinaxe, kun fu e pilates) que se desenvolven en distintos escenarios. En total, a día de hoxe máis, 1.057 persoas están anotadas nestas actividades deportivas, un dato que se destaca dende a Concellería de Deportes, á hora de xustificar a solicitude do dispositivo, que pode axudar a salvar vidas no caso de que se produza algunha incidencia.

Segundo a Consellería de Sanidade, cada ano aténdense a preto de 800 peroas por paradas cardiorrespiratorias, casos nos que a atención aos doentes nos primeiros minutos é crucial para a súa supervivencia.

“Agardamos que dende a Diputación acepten a nosa solicitude”, engade o concelleiro de Deportes, Klaus Brey.