Turismo Rías Baixas promociona a ferramenta SICTED entre as empresas de Silleda

Silleda,  3 de maio de 2017.  Hoxe celebrouse na Casa da Cultura de Silleda a xuntanza para presentar o Sistema Integral de Calidade Turística e de Destinos  (SICTED), unha  ferramenta -promovida pola Secretaría do Estado de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP)-  que traballa con empresas e servizos de ata 32 oficios diferentes, influindo na experiencia e satisfacción do turista que visita o destino.

A iniciativa chega a Silleda da man da Deputación de Pontevedra e o patronato de Turismo Rías Baixas, un dos 203 destinos de toda España con esta calificación. O deputado de Turismo, Santos Héctor, presentou as vantaxes desta iniciativa, que é ademais un distintivo de calidade e que non ten ningún custe para as empresas e entidades que se adhiran.

“Levamos xa 87 adhesións nas distintas reunións que estamos a celebrar en todos os municipios da provincia de Pontevedra”, sinalou o deputado destacando a necesidade da apostar pola calidade no ámbito turístico. As empresas con este distintivo promociónanse ademais na web de Turismo Rías Baixas. Técnicos da consultoría Auren explicaron aos hostaleiros e comerciantes que acudiron á reunión informativa cómo sumarse ao SICTED, e a importancia de ofrecer aos turistas e visitantes un producto dende unha perspectiva global.

Turismo Rías Baixas é no caso da provincia a entidade xestora deste programa integral que aumenta ademais a cualificación a través de cursos de formación gratuitos para o persoal dos negocios que se sumen. Tamén se ofrece unha asistencia técnica individualizada para cada empresa.

Na sesión participou tamén Mabel Vidal, de Casa Cacheiro, da parroquia silledense de Lamela, unha das primeiras da provincia de Pontevedra en contar con SICTED. Este establecemento de turismo rural leva dende xaneiro de 2006 traballando con esta ferramenta. “O cliente cada vez máis compara, busca información e opina, e esas opinións téñense moito en conta á hora de reservar”, sinalou Mabel Vidal quen reitourou que a calidade é unha aposta de garantía e animou ao resto dos negocios a sumarse.

O alcalde, Manuel Cuiña, reivindicou o potencial da Galicia de interior e lembrou que dende o Concello se teñen iniciado distintas actuacións para a posta en valor dun “patrimonio histórico, natural e cultural difícil de atopar”. Así referiuse ao fito que supuxo a gravación da serie El final del Camino e remarcou que dende o Concello se seguirá apostando por distintas iniciativas para dinamizar o turismo. Cuiña que participo una sesión convocada dende o departamento de Turismo, que dirixe Ana Luisa González, tamén agradeceu á Deputación de Pontevedra que poña a disposición das empresas esta ferramenta de xeito gratuito.