Viravolta Títeres chega este sábado a Silleda co espectáculo itinerante Cómicos da Legua

Silleda,  2 de outubro de 2019.  A programación cultural de Outono continuará en Silleda este sábado da man da compañía de títeres Viravolta que trae á vila de Silleda o espectáculo Cómicos da Legua. A través desta actuación, incluída no programa O teu Xacobeo, danse a coñecer asformas tradicionais da arte escénica popular europea que viaxaron a través das peregrinaxes, desde a Idade Media ata a actualidade . Un cóctel de bonecos, música e actor para un espectáculo ambulante que convirte prazas e rúas en “corral de comedias” e teatros.

O percorrido polas principais rúas de Silleda comezará ás 12:30 e rematará na praza de Juan Salgueiro.

A través das formas do bululú (cego e lazarillo) e do ñaque (músico e titiriteira) en breves episodios dramáticos convídase o público a gozar cos personaxes do universo da picaresca e da literatura do cordel.

Os bonecos de Pinturillas e as interpretacións musicais de Lotario salientan as andanzas do ben intencionado Toribio de Mañón que deron cos seus osos no penal.

Uns feitos cantados polos cegos nas feiras e mercados que viaxaron en follas voandeiras ata a pluma de Ramón Mª del Valle Inclán.

En canto ao bulubú, Maese Seisdedos na compañía do seu lazarillo, Matapitos, reclaman a benevolencia do respectado público para intercambiar cancións, romances, ditos… por cálidos aplausos

A música da zanfona; a mestría do manipulador dos bonecos oculto tras a vasta capa ; o baile dos bonecos na planchette rescatan para o público os divertimentos que animaban as rúas e prazas, levando no seu cómico xogo a cultura europea máis popular.

Dende a Concellería de Cultura convídase ao público a participar nesta representación da recoñecida compañía de títeres Viravolta.

Andainas dun músico no rural

Previamente, o venres día 4, chegará a presentación do libro Andainas dun músico no rural, a obra póstuma de José Villaverde Gómez, que fora director e fundador da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, e tamén director da Banda de Música Municipal de Silleda. Logo da presentación en Orazo, terra natal do autor, Edicións Fervenza leva a presentación ao Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, nun acto previsto para as 20:00 horas, e que contará coas intervencións do alcalde, Manuel Cuiña, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o profesor e escritor Carlos Loureiro, Lucía Vilas, neta de Villaverde e de Javier Rivas, profesor e músico.