Voltan os obradoiros de cociña do programa de coeducación para nenos/as e mozos/as de Silleda

Silleda, 5 de outubro de 2016. O programa Coeducamos, promovido pola Concellería de Igualdade e Benestar de Silleda, volta este mes coa finalidade de afianzar no ensino e na familia os valores os valores e prácticas coeducativas.

A iniciativa comezará coa actividade “Os saberes diarios”, un obradoiro de cociña para nenos/as e adolescentes que leva xa varios anos colleitando éxitos. Romper cos roles asignados a mulleres e homes pola sociedade, sensibilizar pola educación en igualdade, fomentar a idea de que as tarefas domésticas no son cousa de mulleres senón de persoas, mellorar a calidade nutricional de nenas e nenos a través da educación e conciencialas sobre a importancia de adquirir hábitos saudables, constitúen o obxectivo desta actuación.

A proposta, coordinada dende o Centro de Información á Muller (CIM,) de Silleda, consiste en sensibilizar a nenas e nenos, mozas e mozos  cara aos alimentos e a cultura gastronómica.  Haberá dous grupos de idade: de 5 a 10 anos e de 11 a 17 anos.

As persoas interesadas poden inscribirse no CIM de Silleda, situado nas dependencias do Centro Social (986 592037) dende pasado mañá venres día 6 e ata o vindeiro venres 14.

Nesta edición só participarán 10 nenos/as por grupo, tendo prioridade aqueles que non participaran con anterioridade nestes mesmos obradoiros e os nenos e nenas que proveñan de familias en situación de vulnerabilidade.

Estes obradoiros, subvencionados pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, son totalmente gratuitos e darán comezo o vindeiro día 24 de outubro nas dependencias do Centro Social.  O grupo dos pequenos terán sesión os luns de 17:00 a 18:30 e o de adolescentes os martes, no mesmo horario.