Voltan os obradoiros de cociña para nenos/as e mozos/as do programa Coeducamos

Silleda, 8 de setembro de 2015. O programa Coeducamos, promovido pola Concellería de Igualdade e Benestar de Silleda, volta o vindeiro mes de outubro coa finalidade de afianzar no ensino e na familia os valores os valores e prácticas coeducativas.

A iniciativa comezará coa actividade “Os saberes diarios”, un obradoiro de cociña para nenos/as e adolescentes que leva xa varios anos colleitando éxitos. Romper cos roles asignados a mulleres e homes pola sociedade, sensibilizar pola educación en igualdade, fomentar a idea de que as tarefas domésticas no son cousa de mulleres senón de persoas, mellorar a calidade nutricional de nenas e nenos a través da educación e conciencialas sobre a importancia de adquirir hábitos saudables, constitúen o obxectivo desta actuación.

A proposta, coordinada dende o Centro de Información á Muller (CIM,) de Silleda, consiste en sensibilizar a nenas e nenos, mozas e mozos  cara aos alimentos e a cultura gastronómica.  Haberá dous grupos de idade: de 4 a 11 e de 12 a 17 anos.

As persoas interesadas poden inscribirse no CIM de Silleda, situado nas dependencias do Centro Social (986 592037) dende mañá mércores día 9 e ata o vindeiro 30 deste mes de setembro

“As/os máis pequenas/os descubrirán o que comen e realizarán todo o proceso da receita, coa orientación das/os monitoras/es, escoitarán historias sobre a orixe dos alimentos, probarán produtos.. ..Cada unha/un levará a súa casa o que realizou así, esta vez, os proxenitores comerán o que elas/eles cociñaron. As/os adolescentes empezarán a ser independentes na cociña porque é unha necesidade”, explica a concelleira de Benestar e Igualdade, Pili Peón.

Estes obradoiros, subvencionados pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, son totalmente gratuitos e darán comezo o vindeiro día 5 de outubro nas dependencias do Centro Social.

Programa

Haberá dúas sesión dedicadas aos almorzos, para o lema “Almorzos do mundo”, para que os participantes coñezan as propostas da primeira comida do día noutros países. Outros dous adicaranse ao chamado “brunch”; dous ao xantar –un deles sobre comida italiana; un á merenda, outro á cea, e tamén se celebrará un específico con ingredientes aptos para persoas celíacas.

Por último, o programa de “Os saberes diarios” inclúe dúas sesións temáticas adicadas ao Samaín e ao Nadal.