Agradecemento ao colectivo Mencer e a asociación Coto do Castelo de Graba

 O Concello de Silleda, a través do departamento de Benestar Social, que dirixe Dolores García, quere amosar, unha vez máis,  o seu agradecemento á asociación solidaria Mencer de Lalín, que entregou un total de 576 iogures ao Banco de Alimentos silledense, dentro do programa Silleda Solidaria.

Hoxe mesmo tivo lugar o reparto dos iogures entre as familias con menos recursos do municipio, usuarias do Banco de Alimentos, dende onte continúa a recollida de produtos non perecedeiros nos supermercados de Silleda e A Bandeira.

“Temos que agradecer a colaboración deste colectivo de Lalín, que xa no mes de agosto nos donou froita fresca para o Banco de Alimentos, así como o xesto xeneroso dos moitos veciños, establecementos, asociacións, empresas  e colectivos que están a facer achegas ao programa”, engade Dolores García.

Nesta liña, dende o programa Silleda Solidaria tamén se aplaude a iniciativa da Asociación Cultural Coto do Castelo de Graba, que nos vindeiros días iniciará unha campaña de recollida de roupa e alimentos para o programa municipal.

A día de hoxe, hai preto de 50 familias do municipio de Silleda que están a recibir alimentos básicos, roupa e outros enseres a través da iniciativa municipal solidaria.

 

Campaña continua nos supermercados

Do mesmo xeito, todas aquelas persoas que desexen colaborar co Banco de Alimentos poden facer as súas achegas de produtos non perecedeiros nos supermercados de Silleda e da Bandeira, onde se vén realizando unha campaña de recollida continuada. “Tamén hai que agradecer aos establecementos e a todas aquelas persoas que fan as súas aportacións as súas achegas”, engade Dolores García.

A día de hoxe o que máis se precisa no banco de alimentos son produtos básicos como leite, aceite, conservas ou galletas.