Campaña de empadroamento

O Concello lanza a campaña de sensibilización “Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis”

O Concello de Silleda iniciou en xuño de 2016 unha campaña de información e sensibilización sobre o empadroamento. Baixo o lema “Porque en Silleda somos máis”, a iniciativa está dirixida –sobre todo- a aquelas persoas que aínda residindo no municipio non están censadas nel. Estímase que a día de hoxe hai preto de 900 persoas que residen en Silleda e están empadroadas noutros municipios.

Esta iniciativa xurdiu a raíz dos últimos datos do padrón remitidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) segundo os que o municipio perdeu preto de 200 habitantes en 2015, pasando dos 8.960 habitantes a algo máis de 8.700.

Só con este descenso Silleda ingresou  80.000 euros menos de financiación directa. A campaña informativa, coa colocación de paneis e difusión de folletos, na web, prensa e redes sociais, busca concienciar aos veciños e veciñas da importancia de estar empradroados para non perder fondos e así poder manter servizos.

“Cremos que debemos de incidir na necesidade de concienciar a toda a cidadanía da importancia de estar empradroado onde se reside, todos e todas debemos de concienciarnos porque a situación afecta moi negativamente ao futuro do noso municipio”, engade o alcalde Manuel Cuiña, advertindo  “máis aló do crecemento vexetativo negativo que afecta a outras moitas poboacións galegas do interior, con falecementos que superan ao número de nacementos, temos que facer un traballo concienzudo entre todos para evitar que continúe esta sangría no padrón municipal”, engade.

70 nacementos en 2015

En canto ao número de altas por nacementos, no ano 2015 rexistráronse en Silleda un total de 70  nenos e nenas, cifra lixeiramente inferior a do ano 2014, cando o número de nacementos se situou en 77. Estas cifras supoñen, en liñas xerais, un lixeiro repunte nos últimos anos. O número de nacementos en 2012 foi de 49, aumentando no ano 2013 ata os 56.

Dende o goberno municipal lémbrase que nos últimos anos se teñen posto ademais en marcha medidas  para fomentar o empadronamento e lograr aumentar a poboación.

Así, en distintas ordenanzas xa se estabrecen condicións para os usuarios en función de se están ou non empadroados no Concello de Silleda, nalgúns casos con bonificacións. Tal é o caso dos bonos familiares para o uso das piscinas municipais durante toda a época estival, e que só se venden a persoas que estén empadroadas en Silleda. Así, tamén no Servizo Lúdico Educativo aqueles nenos/as usuarios que non estén empadroados deberán de abonar o servizo completo, sen bonificación alguna nas taxas.

Vídeos da campaña “Empadróate en Silleda, porque en Silleda somos máis”