O Concello de Silleda crea unha oficina de atención aos afectados por fallos nas conexións telefónicas polo temporal

Silleda, 7 de xaneiro de 2020. O Concello de Silleda vén de habilitar unha oficina de atención ás persoas usuarias que virán afectadas as comunicacións e conexións telefónicas nos seus domicilios por mor da tormenta do pasado 19 de decembro e posteriormente polo temporal. A día de hoxe tense constancia de fallos nas comunicacións en parroquias como Graba, Rellas, Escuadro ou Laro.

Todos os veciños que aínda sigan con problemas nas liñas poden chamar ao 986 180 245, para realizar as súas reclamacións. A finalidade é canalizar todas as avarías para realizar unha reclamación conxunta ante as compañías operadoras.

“Sabemos que hai casas que aínda continúan dende o pasado 19 con problemas na conexión debido as avarias polo que trataremos de facilitar con esta oficina a atención aos usuarios para tramitar a reclamación ante a compañía e que se poidan solventar canto antes todas as incidencias”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Precisamente o rexedor silledense manterá xa mañá un encontro con representantes de varios afectados.

“A afección ás liñas telefónicas foi, ao igual que no alumeado público moi grande ca tormenta e as dúas xornadas posteriores de temporal”, lembra o alcalde, explicando que no caso do alumeado aínda se continúa a día de hoxe con algunhas das reparacións debido á gravidade das avarías.