A Concelleria de Comercio convoca unha reunión para fixar apoios ante a crise do sector lácteo

Silleda, 3 de agosto de 2015. O Concello de Silleda vén de convocar unha reunión informativa o vindeiro xoves día 6 –a celebrar na Casa da Cultura ás 21.00 horas- a fin de buscar o máximo apoio social posible na defensa do sector lácteo.

Así, e a través da Concellería de Comercio, que dirixe Ana Luisa González Costa, convocase a todos os veciños/as, asociacións, colectivos, e en particular aos representantes do comercio local a esta reunión “coa que buscamos sensibilizar á poboación da importancia que ten o sector lácteo para Silleda, onde segue a ser a base da nosa economía”, engade a concelleira.

Neste encontro búscase establecer medidas de apoio e accións concretas en defensa dos gandeiros e gandeiras.

Dende o Concello xa se está a proceder hoxe á colocación de Bandos informando desta convocatoria. “Facemos un chamamento a todos os silledenses en xeral, e ao comercio en particular, para que asistan a esta reunión na que estableceremos medidas e accións concretas a realizar en apoio do que segue a ser o sustento da economía de Silleda”, explica González Costa.

“Temos que concienciarnos de o apoio social ao sector lácteo, ante a gravísima crise que está a vivir é clave, e que a situación nos afecta a todos e a todas”, engade a concelleira lembrando tamén as concentracións que se celebrarán o martes día 11 na Semana Verde e o mércores 12 en Lalín.