Saúda do Alcalde

Situada no corazón de Galicia, Silleda é unha terra hospitalaria e con máis dun motivo para achegarse ata ela. Natureza, tradición e historia conflúen no territorio de Trasdeza facendo deste municipio interior un referente en ámbitos coma o do turismo. O mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro ou a Fervenza do río Toxa, a máis alta de Galicia en caída libre, son os baluartes dun concello ligado tamén a un certame, a Feira Internacional de Galicia Semana Verde, que lle da nome máis aló das nosas fronteiras. As nosas xentes, agricultores, gandeiros, empresarios… forman parte da paisaxe humana que tamén lle confire carácter a Silleda, berce de artistas coma o pintor Colmeiro.

Como alcalde, e en nome do resto de compañeiros do goberno municipal, convídovos a visitar este fermoso enclave bañado polo río Deza, no Camiño cara a Compostela, e a  descubrir os moitos encantos que se agochan en cada unha das 33 parroquias que conforman este concello. A través deste portal web, que trataremos de ir mellorando, queremos dar conta do noso traballo e informar a veciños e usuarios da Internet sobre distintas cuestións da actividade municipal.

Manuel Cuíña Fernández

Alcalde de Silleda

ALCALDÍA

Manuel Cuíña Fernández:

Naceu o 6 de agosto de 1966 na  Bandeira, vila na que reside cos seus dous fillos. É empresario do sector do transporte. Logo de formar parte das directivas de distintos colectivos, no ano 2007 decidiu dar o salto ao mundo da política concorrendo como número dous na candidatura socialista que liderou Paula Fernández Pena, e se convertiu na lista máis votada.Durante dous anos foi tenente de alcaldesa ademais de concelleiro de Obras e Cultura. En outubro de 2009, unha moción de censura desaloxou ao gobernó socialista. No ano 2011 foi o responsable da campaña electoral municipal na que a candidatura socialista volveu a convertirse na lista máis votada. Cuíña volveu a concorrer no segundo posto da lista. O 19 de xullo de 2013 foi elixido alcalde de Silleda, nun Pleno extraordinario, logo da marcha da ex rexedora, Paula Fernández Pena, ao Senado por designación autonómica.No ano 2015, foi elexido de novo alcalde, con maioría absoluta. É tamén secretario de Organización do PSdeG- PSOE de Silleda. Ademais da Alcaldía, Cuíña ten as competencias en materia de Urbanismo, Facenda, Tráfico, Seguridade e Réxime Interior.