Silleda pon en marcha unha nova edición do #VaiDeParroquias coa aventura musical “A Sinfonía Élfica Nº 33”

  • O certame, que xa se consolidou como unha das propostas máis singulares do Nadal silledense, convida a percorrer as 33 parroquias na procura dos elfos e das notas dunha melodía secreta a partir da primeira semana de decembro
  • As persoas que completen o reto entrarán no sorteo dunha estadía de catro días en autocaravana para catro persoas

Silleda, 9 de novembro de 2026. O Concello de Silleda, a través da Concellaría de Cultura, pon en marcha unha nova edición do certame #VaiDeParroquias, unha iniciativa que se converteu xa nun clásico da programación de Nadal e que volve convidar á veciñanza a descubrir os recunchos do municipio dunha maneira divertida e participativa.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases da convocatoria 2026-2027, que nesta ocasión leva por título “A Sinfonía Élfica Nº 33” e propón unha nova aventura protagonizada polos elfos que xa conquistaron as parroquias silledenses o pasado Nadal.

Desta volta, os pequenos personaxes regresan cunha misión moi especial: agochar nas 33 parroquias as notas dunha melodía secreta que as persoas participantes deberán descubrir e completar.

O obxectivo segue sendo o mesmo que deu orixe a este certame: fomentar a participación veciñal, promover o coñecemento do patrimonio natural e cultural, impulsar o turismo de proximidade e poñer en valor a riqueza dos diferentes núcleos de poboación do municipio. O concurso arrancará na primeira semana de decembro e ata o 2 de xaneiro.

Unha aventura musical polas 33 parroquias

A dinámica do concurso combina a exploración do territorio cun xogo de pistas. As persoas participantes deberán descargar da páxina web municipal (www.silleda.gal) o mapa con pistas e a lámina do pentagrama da sinfonía secreta.

Con estes materiais comezará a aventura: localizar os 33 elfos agochados en diferentes puntos de interese do municipio, fotografarse con cada un deles e identificar as notas musicais que teñen asignadas para completar o pentagrama.

Unha vez reunidas todas as notas, chegará o momento de descubrir e tocar a melodía secreta desta particular sinfonía de Nadal.

O certame mantén así a súa esencia de xogo e descubrimento, incorporando nesta edición a música como fío condutor dunha proposta pensada para desfrutar do territorio e compartir momentos en familia ou con amizades.

Como participar

Segundo recollen as bases aprobadas pola Xunta de Goberno Local, poderán participar todas as persoas maiores de idade que formalicen a súa inscrición a través do formulario dispoñible na web municipal. Non poderán concorrer as persoas que resultasen gañadoras na edición anterior.

Para completar o reto será necesario remitir ao correo electrónico cultura@silleda.gal o formulario de inscrición debidamente cuberto e asinado, as 33 fotografías da persoa participante xunto aos elfos e a lámina do pentagrama coas notas correspondentes. A documentación deberá presentarse preferiblemente nun único arquivo PDF.

O prazo para enviar as participacións permanecerá aberto ata o 2 de xaneiro de 2027, ás 23:59 horas.

Unha escapada en autocaravana como premio

Todas as persoas que completen correctamente o desafío e cumpran os requisitos establecidos nas bases entrarán no sorteo dunha estadía de catro días en autocaravana para catro persoas, unha experiencia para seguir descubrindo novos lugares e desfrutar dunha escapada diferente.

O premio poderá desfrutarse durante a tempada baixa de 2027, en función da dispoñibilidade dos vehículos.

O sorteo será público e celebrarase o xoves 7 de xaneiro de 2027, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa do Concello de Silleda.

Un Nadal para descubrir e compartir

Desde o Concello de Silleda destácase a boa acollida que vén tendo o #VaiDeParroquias, un certame que permite achegarse ao patrimonio e ás paisaxes do municipio, ao tempo que fomenta a convivencia e a participación interxeracional.

A iniciativa busca tamén que tanto a veciñanza como as persoas visitantes descubran lugares que, malia estaren próximos, moitas veces resultan descoñecidos, contribuíndo a dar visibilidade aos recursos e atractivos das 33 parroquias.

A alcaldesa, Paula Fernández, anima a participar nesta nova edición dunha actividade que “nos permite vivir o Nadal dun xeito diferente, percorrendo as nosas parroquias, descubrindo o seu patrimonio e compartindo experiencias”.

Desde o goberno municipal sublíñase ademais a importancia de seguir impulsando propostas que teñan como protagonista o rural, reforzando o sentimento de pertenza e facendo das parroquias un espazo de encontro e participación.

Con “A Sinfonía Élfica Nº 33”, Silleda volve demostrar que a maxia do Nadal tamén se agocha nos pequenos recunchos do municipio. Este ano, ademais, cada un deles terá a súa propia nota musical.

A continuación figuran as instruccións, mapa e pistas:

Están aquí! Un ano máis os elfos decidiron visitar Silleda polo Nadal! Están encantados coa súa xente e as súas paisaxes! Están tan a gusto que decidiron poñerse a tocar a súa melodía segreda, a “Sinfonía Élfica Nº 33”. Que sorte! Trátase dun evento único! Cando sona a melodía completa espértase a maxia do Nadal por cada recuncho!

Agora, a misión está clara: “Sinfonía Élfica Nº33”. Percorre as parroquias de Silleda, atopa os elfos agochados e faite coa melodía segreda.

1. Mira o mapa, lee as pistas e localiza cada Elfo (se non eres capaz, mira na web a xeolocalización!

2 Anota a nota correspondente de cada Elfo no pentagrama máxico

3 Sácate unha foto con cada Elfo

4 Envía por correo o pentagrama máxico e as 33 fotos a cultura@silleda.ga

5Toca a melodía! e Entra no sorteo!