A Concellería de Normalización Lingüística pon en marcha a campaña #REBAIXASilleda

Silleda, 31 de maio de 2017-.  A Concellería de Normalización Lingüística de Silleda, que dirixe Pilar Peón, vén de poñer en marcha a campaña #REBAIXASilleda, para fomentar o galego no ámbito do comercio, de cara á campaña de rebaixas de verán.

Baixo o lema, Non deixes a lingua fóra… Entra! Neste establecemento atendémoste en galego, dende a Concellería  búscase fomentar o uso do idioma no sector comercial e empresarial, ademais de promover que a transacción comercial sexa tamén en galego.

O Concello pon a disposición dos establecementos, sobre todo de textil e calzado, cartaces gratuitos que deben solicitar no propio Concello ou chamando ao 986 580000. Poderán facerse as solicitudes ata o vindeiro xoves 15 de xuño.

Esta campaña púxose en marcha o pasado ano cun grande nivel de aceptación entre os comercios. “Un ano máis queremos apoiar con esta iniciativa o uso do galego nos nosos comercios”, sinala Pilar Peón. Esta campaña súmase a outras postas en marcha dende o departamento municipal con programas coma SilledaAgasalla, co reparto de felicitacións en galego, ou Medrando en Galego, con actividades para fomentar o galego entre os nenos de 0 a 12 anos. Neste último inclúese a iniciativa Aloumiños en Galego, co reparto de caixas de benvida aos recén nados, que seguen a repartirse dende o Concello de Silleda.