A Coral Polifónica Trasdeza participa nun encontro en Zamora

Silleda, 19 de outubro de 2016.  A Coral Polifónica Trasdeza actuará este sábado día 22 en Zamora, nun Encontro Coral organizado pola formación anfitriona, a Coral Aures Cantibus. A cita será ás 19:30 horas na Iglesia de la Encarnación, un edificio histórico xunto á sede da Deputación de Zamora reconvertido en espazo de arte e auditorio.

A presidenta da Coral Polifónica Trasdeza , Dorita Parada, lembra que a agrupación zamorana actuou en Silleda o pasado ano no recital organizado con motivo do 25 aniversario da coral silledense, xunto a outras corais de localidades polas que discorre a Vía da Prata.

“Agora, con esta actuación en Zamora devolvémoslle a visita a esta agrupación, nun concerto que tamén será especial polas características do escenario, nun edificio que antigamente foi unha iglesia e cunha acústica ideal para este tipo de música”, explica Dorita Parada.

A formación silledense estará acompañada ademais polo alcalde, Manuel Cuiña, que asistirá en Zamora ao concerto “dun dos grupos embaixadores musicais do noso municipio”, engade o rexedor.

No repertorio da Coral Polifónica Trasdeza, baixo a batuta de Manuel Muiños, figuran temas como Eres Tú, Maitechu Mia, Anduriña, El Peregrino… e o tema popular galego Meus Amores, que tamén sonou o pasado ano no recital no que participaron en Plasencia (Cáceres). O concerto rematará coas dúas corais interpretando xuntas o tema O voso galo.

O Coro Aures Cantibus, que se formou no ano 2000, conta cuns 40 integrantes e está dirixido pola ucacniana Oksana Kharina. No seu repertorio figuran temas variados,  dende a música sacra a outros populares.

Respecto á actuación da Coral en Zamora indicarvos tamén que esta actuación vén motivada polo programa de intercambio cultural co Camiño Mozárabe (Vía da Prata), promovida pola Coral Polifónica Trasdeza. Estes encontros reactiváronse o pasado ano no recital Tardes de Primavera, no que se celebrou o 25 aniversario da formación silledense. Despois de visitar Plasencia, a axenda leva agora ao coro local ata Zamora, convertidos en pioneiros na promoción e potenciación deste encontro de culturas do Camiño. A coral silledense actuou tamén xunto ao Coro Aures Cantibus e a Polifónica de Plasencia o pasado ano cantando a Misa do Peregrino na Catedral de Santiago.