A Deputación de Pontevedra arranxará o primeiro tramo do vial entre Silleda e Escuadro

Silleda, 27 de abril de 2017.  O Concello de Silleda vén de pechar a petición formulada á Deputación de Pontevedra para arranxar a estrada EP- 6509, que une Silleda con Escuadro. Este vial está moi deteriorado no primeiro tramo, dende o enlace coa N-525 en Silleda, polo que dende o Concello se vén apremiando á entidade provincial, titular da mesma, para proceder ao seu arranxo.

O alcalde, Manuel Cuiña e o de Obras e Servizos, Klaus Brey, mantiveron hoxe un encontro co director de Mobilidade da Deputación, Daniel Romay que explicou as actuacións técnicas que se levarán a cabo para mellorar este tramo.

O firme repararase cunha nova capa de rodadura e ampliando a calzada a 5,50 metros, con bordes de cuneta formigonados. Segundo explicou o técnico provincial, a Deputación encargarase agora de elaborar o proxecto técnico para proceder á correspondente contratación dos traballos. As presivións que se manexan pasa por ter rematada a obra a finais do verán, e a inversión prevista sitúase en torno aos 123.000 euros.

“Trátase dunha actuación que viñamos demandando dende hai tempo polo mal estado deste primeiro tramo, que da acceso ademais a enclaves coma o o Castro de Toiriz””, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

O deterioro deste vial agravouse nos últimos anos provocando incluso desprendementos nalgunha zona.

“Agardamos que as obras poidan comezar canto antes para mellorar esta vía, moi transitada por veciños e usuarios da zona e que precisaba unha reparación en condicións”, engade o alcalde.