A empresa Arteaga realizará a renovación do alumeado en catro rúas de Silleda

Silleda, 12 de maio de 2015. O goberno local de Silleda vén de adxudicar á empresa Electricidad Artega Gres S.L. o proxecto de mellora e eficiencia enerxética nas rúas Progreso, avenida do Parque, María Colmeiro e Venezuela.

Logo de estudar os informes técnicos que se solicitaron tras a apertura de plicas o pasado venres, aceptouse a oferta presentada pola firma adxudicataria. Así, esta firma presentou como mellora a renovación de todas as bases das farolas, que en principio se iban a aproveitar colocando só un dispositivo que elevara un metro as luminarias, de tipo LED.

Dende hoxe xa se pode apreciar á entrada da avenida do Parque (esquina coa rúa Trasdeza) o modelo de luminaria elixida (aínda que está sobre a base actual).

En total a renovación do alumeado nestas 4 rúas adxacentes á principal vía do casco urbano de Silleda, suporá a substitución de 118 puntos de luz. Así, na avenida do Parque serán 36 os puntos de luz que se renovarán; 32 na rúa Progreso; os 27 da rúa María Colmeiro e os 25 existentes na rúa Venezuela.

Segundo o estudo recollido no proxecto, a potencia pasará de 18.000 a 6.800 watios, logrando reducir o consumo enerxético nun 62 por cento.

Esta actuación, con unha inversión de 120.378 euros permitirá que todas estas farolas estén prendidas durante a noite. “Haberá mellor iluminación e menos consumo”, explica o alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, lembrando que ata agora se mantiña un apagado selectivo como medida de aforro. “Ao tempo que melloramos as condicións de iluminación nestas vías urbanas tamén se está a xenerar unha importante reducción da potencia actual, e en consecuencia o consumo e custes deste servizo municipal”, engade o rexedor.

Dende o goberno municipal agárdase que os traballos poidan comezar nos vindeiros días.

Traballos na rúa Trasdeza

Esta actuación súmase a renovación de todas as farolas do primeiro tramo da rúa Trasdeza, que comezou onte luns. A empresa adxudicataria xa retirou neste caso todos os puntos de luz situados na marxe esquerda da rúa (á entrada dende Santiago).