A mostra África soños e mentiras recala en Silleda dende o 18 ata final de mes

Silleda, 11 de novembro  de 2016-.  A exposición de fotografías “África, soños e mentiras” do fotoxornalista ferrolán Gabriel Tizón chega a vindeira semana a Silleda. A mostra, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade –entidade á que se sumou o Concello de Silleda, poderá verse ata o día 30 na Casa da Cultura de Silleda, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

A inauguración celebrarase o venres ás 11:30 horas. Esta iniciativa forma parte da programación cultural de novembro organizada dende o Concello de Silleda.

Gabriel Tizón é un fotógrafo ferrolán con amplo percorrido internacional. Obtivo premios nacionais e internacionais de fotografía e adquisición de obra por parte de coleccións públicas e privadas, tanto españolas como estranxeiras. Na actualidade traballa para o xornal El País e para axencias nacionais e internacionais.

A exposición fotográfica 'África, soños e mentiras' presenta a mirada e o contacto de Gabriel Tizón con África, tras máis dunha década de viaxes por diferentes países do continente e, especificamente, con Guinea Bissau.

A mostra forma parte do proxecto Causas Comúns, que nace como ferramenta de información e sensibilización, a través da fotografía como idioma común, tanto de cara ao pobo galego como ao de Guinea Bissau, sobre o evidente incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa, en particular en aspectos como a vivenda, o traballo, a alimentación ou a xustiza, entre outros.

Este proxecto foi financiado en 2015 polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Concello de Pontevedra.

As 32  fotografías que forman parte desta mostra amosan as historias dos soños e as mentiras sobre un continente, África, onde o 40% da súa poboación é menor de idade. Esta exposición narra, por tanto, o encontro coas persoas, cos líderes e lideresas comunitarias e coas heroínas e heroes anónimos.