A Rede de Calor con Biomasa, premio Galicia de Enerxía ao mellor proxecto de enerxías renovables

Silleda, 26 de febreiro de 2018.  O Concello de Silleda vén de recibir o Premio Galicia de Enerxía pola dotación da primeira fase da Rede de Calor con Biomasa, que se estrenou o pasado mes de outubro. O galardón, na categoría do Mellor Proxecto de Enerxías Renovables, entregarase o vindeiro venres día 15 de marzo na gala “Noite da Enerxía”, que terá lugar no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela.

Os Premios Galicia de Enerxía, que outorga a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia, acadan xa a súa sexta edición, como referente á hora de recoñercer as mellores traxectorias no fomento e implantación de boas prácticas no ámbito enerxético, así como as contribucións realizadas por distintos profesionais ou entidades.

“Para o Concello de Silleda, e polo tanto para todos os veciños e veciñas deste municipio é un orgullo recibir este recoñecemento”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, amosando a súa satisfacción. Para Cuiña, que a  Rede de Calor con Biomasa se recoñeza con este premio, “é un espaldarazo máis á grande aposta que fixemos dende o Concello en materia de enerxía, cun proxecto pioneiro que como se ve segue a colleitar éxitos”, explica.

A Rede de Calor con Biomasa “District Heating” suministra na súa primeira fase calefacción e auga quente a varios edificios públicos e tamén ao Hotel Vía Argentum e próximamente á Residencia de Maiores que abrirá as súas portas en breve. No pasado mes de outubro convertiuse ademais na primeira rede público-privada destas caracterísitas en toda Galicia.

Esta actuación, cunha inversión total de 816.587,67 euros, foi financiada nun 80% polo INEGA e o 20% restante polas arcas municipais, a través do Plan Concellos da Deputación.

A rede, de biomasa con astilla, subministra  calefacción e/ou auga quente sanitaria o pavillón deportivo César Fares, o campo de fútbol de Outeiriño, a piscina municipal, a Escola Infantil A Galiña Azul, a Residencia e Centro de Día de Maiores e o Hotel Vía Argentum.

As obras iniciáronse a finais do pasado mes de xullo. A rede de calor ten unha potencia de 1 megawatio e na primeira fase colocáronse case 2 kilómetros de tubería preasilada.  Na segunda fase está previsto conectaranse  á esta rede de calor outros edificios como a actual Casa da Cultura, a Escola de Música o CEIP de Silleda ou a Oficina Agraria Comarcal.

“Con esta iniciativa deixaran de expulsarse ao medio nesta primeira fase 342 toneladas de CO2 ao ano, e 380 toneladas no segundo”, engade Cuiña. O aforro económico previsto será de 81.000 euros ao ano respecto ao consumo anual, e de 93.000 euros cando esté lista a segunda fase. A idea é que no futuro calquera usuario privado se poida enganchar.

Aproveitamento da biomasa e posibilidade de piscina climatizada

Un dos grandes obxectivos desta iniciativa  é crear nun futuro unha planta para o procesado de astilla, cuestión que permitirá crear un ciclo para dar saída a biomasa dos montes locais. “É un proxecto ambicioso que culminaría a aposta deste Concello por enerxías limpas que vimos realizando nos últimos anos coa dotación de caldeiras de biomasa en edificios municipais, renovacións en alumeado público con tecnoloxía LED ou placas fotovoltáicas, entre outros”, explica o alcalde.

Así mesmo Cuiña lembra que coa Rede de Calor , o Concello de Silleda pode plantexarse tamén proxectar a carón da central de producción, a dotación dunha piscina climatizada, “unha das grandes demandas de Silleda na que hoxe en día xa podemos pensar como outra das grandes e positivas consecuencias de ter apostado pola Rede de Calor, a maiores do aforro, a eficiencia e os beneficios ao medio ambiente”, engade.