Aberto o prazo para solicitar as becas para o transporte universitario e estudantes de ciclos formativos

Silleda, 18 de setembro de 2019.  O Concello de Silleda, a través da Concellería de Educación que dirixe Ángela Troitiño, vén de abrir a convocatoria de Axudas para o transporte, destinados a universitarios/as e estudantes de ciclos formativos  que cursen estudos oficiais en algún dos Campus e/ou institucións da Comunidade Autónoma.

O importe máximo da subvención por beneficiario/a será de 450 euros, para todo o curso 2019/2020.  Poderán optar a estas axudas persoas residentes e empadroadas no municipio de Silleda (alomenos un ano antes da publicación das bases), e que cursen os referidos estudos universitarios e ciclos formativos. Así mesmo, a renda per cápita familiar debe de ser igual ou inferior a 10.000 euros.

Ao igual que aconteceu xa nos últimos anos, as axudas serán con ingreso directo na conta bancaria dos beneficiarios. As solicitudes poderán presentarse nun prazo de 15 días hábiles a contar dende mañá xoves (as bases foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra), polo que  poderán presentarse ata o 9 de outubro.

As solicitudes deben de presentarse no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres, cumprimentando o formulario anexo as bases e achegando outra documentación. Así, os solicitantes deben presentar fotocopia do seu DNI, da matrícula do curso escolar en curso, copia da renda familiar do exercicio 2018, ou no seu caso certificado da Axencia Tributaria de non telo e certificación bancaria da conta a nome do beneficiario da axuda ou no seu caso do titor/a legal do mesmo.

Estas axudas chegan con cargo ao orzamento municipal, no que se reservou unha partida de 20.000 euros para estas axudas.

Axudas para material escolar

Por outra banda, a Concellería de Educación tamén ten aberto o prazo das axudas complementarias para completar os gastos destinados a mercar libros e material escolar, que non lle cubre o vale concedido pola Xunta de Galicia.  Poderán beneficiarse aquelas familias que precisan de protección especial ou con todos os seus membros en situación de desemprego, con alumnos/as que cursen estudos de Primaria ou ESO.

As condicións e requisitos desta convocatoria tamén poden  consultarse na web municipal, coa normativa que rexerá as axudas, como os formularios que deben de cubrir as persoas interesadas que cumpran os requisitos establecidos.