Aprobada a axuda para rehabilitar a rúa situada na parte traseira da igrexa de Silleda

Silleda, 5 de maio de 2015. O Concello de Silleda ven recibir a aprobación da axuda autonómica coa que se completará o financiamento para o proxecto  de adecuación e rehabilitación do tramo situado na parte traseira da igrexa parroquial de Silleda, e que une a avenida do Parque coa rúa Santa Olaia.

A actuación ten un orzamento total de 62.093 euros. Para levala a cabo, o Concello concorreu á orde de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que regula a concesión de axudas para a mellora, ampliación ou rehabiltiación de espazos públicos . Hoxe mesmo recibiuse a notificación da concesión de financiamento, cun total de 40.000 euros. O resto completarase con fondos municipais.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, amosa a súa satisfacción pola concesión desta axuda “enmarcada na mellora de espazos públicos que xa vimos realizando, e coa que buscamos deixar este tramo rematado dende o punto de vista estético, pero tamén gañando en accesibilidade e funcionalidade”, apunta.

Esta vía tamén da acceso a vivendas, garaxes, ao colexio María Inmaculada, e ao albergue San Olaia, enlazando ademais co parque infantil situado na praza aledaña.

Trátase pois dunha zona cercana a equipamentos con gran tránsito peonil, e que conta cun pavimento moi degradado e tamén barreiras arquitectónicas.

Con este proxecto de mellora preténdese homexeneizar os pavimentos desta zona, formando unha unidade xunto co entorno do templo parroquial e da avenida.

Este pavimento revalorizará as características estéticas do conxunto, dando unha sensación de unidade epacial e ao mesmo tempo suprimindo as barreiras arquitectónicas e polo tanto mellorando a accesibilidade.

Nesta obra empregarase un pavimento único de lousa de granito igual á existente no lugar, executándose as pendentes necesarias para o correcto desaugue  na rede de sumidoiros. Tamén se limparán e adecuarán os muretes perimetrais da igrexa e do parque infantil, para lograr un acabado unificado e respetuoso co entorno.

O tramo discorre ademais mo preto do Camiño de Santiago, e a tales efectos a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural  xa informou favorablemente sobre as obras a realizar, expresando así mesmo unha serie de consideracións que xa foron incluídas no seu día na documentación do proxecto.

Manuel Cuiña lembra que esta zona que rodea á igrexa de Santa Olaia sufriu diferentes reformas ao longo dos últimos anos. “No caso deste tramo situado na parte de atrás do templo a situación hai varias deficiencias que deben de subsanarse, con beirarrúas sen rematar ou unha calzada de aglomerado en malas condicións, entre outros, e tamén con materiais e acabados que non son acordes ás estética da zona”, engade Cuiña, que advirte que esta zona se revalorizará coa actuación proxectada.

Agora corresponderá ao Concello iniciar o procedemento para a adxudicación do proxecto.