As obras de mellora da rúa situada detras da igrexa entran na súa recta final

Silleda, 1 de setembro de 2015. As obras de mellora e acondicionamento da rúa situada na parte posterior da igrexa de Silleda están xa na súa recta final.  O alcalde, Manuel Cuiña e o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, visitaron hoxe os traballos, que está a executar a empresa Construcións Fernández Sarmiento.

Os traballos do  proxecto  de adecuación e rehabilitación do tramo situado na parte traseira da igrexa parroquial de Silleda, que une a avenida do Parque coa rúa Santa Olaia, iniciáronse a principios do pasado mes de agosto. Esta actuación está enmarcada na mellora de espazos públicos que se vén realizando dende o Concello de Silleda, e con ela búscase rematar este tramo, tanto dende o punto de vista estético como funcional, gañando tamén en accesibilidade.

A día de hoxe só resta por colocar o último tramo de pedra (en dirección a rúa Santa Olaia), e realizar outras melloras, coma o enfoscado do muro que separa a rúa da igrexa, seguindo as directrices marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio.

Esta vía tamén da acceso a vivendas, garaxes, ao colexio María Inmaculada, e ao albergue San Olaia, enlazando ademais co parque infantil situado na praza aledaña.

Trátase pois dunha zona cercana a equipamentos con gran tránsito peonil, e que conta cun pavimento moi degradado e tamén barreiras arquitectónicas.

Con este proxecto vanse homexeneizar os pavimentos desta zona, formando unha unidade xunto co entorno do templo parroquial e da avenida.

Este pavimento revalorizará as características estéticas do conxunto, dando unha sensación de unidade epacial e ao mesmo tempo suprimindo as barreiras arquitectónicas e polo tanto mellorando a accesibilidade.

Para a mellora estase a empregar  un pavimento único de lousa de granito igual á existente no lugar, executándose as pendentes necesarias para o correcto desaugue  na rede de sumidoiros. Tamén se limparán e adecuarán os muretes perimetrais da igrexa e do parque infantil, para lograr un acabado unificado e respetuoso co entorno.

Esta zona que rodea á igrexa de Santa Olaia sufriu diferentes reformas ao longo dos últimos anos. “Con esta actuación eliminaranse as deficiencias deste tramo, onde había beirarrúas sen rematar ou unha calzada de aglomerado en malas condicións, entre outros, e tamén con materiais e acabados que non son acordes á estética da zona”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.

A actuación ten un orzamento total de 62.093 euros, dos que 40.000 euros corresponden á subvención da Consellería de  Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a mellora de espazos públicos, e o resto se financia con fondos municipais.