As obras de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, a punto de remtar

Silleda, 30 de xullo de 2013. As obras de mellora do Centro Cultural Vista Alegre están a ser ultimadas nestes días. Así o comprobou o alcalde e responsable municipal de Obras, Manuel Cuíña, que visitou o edificio acompañado da presidenta da Asociación Cultural Vista Alegre, Dolores Sangiao, e os técnicos e responsables da obra, adxudicada á empresa silledense Construcciones Areán. 

O proxecto busca a mellora da dotación do Centro Cultural Vista Alegre, todo un referente na comarca dezana no tocante á dinamización social e cultural. Con esta nova e agardada actuación poderase completar a dotación deste centro. Nas novas dependencias, na planta baixa, plantéxase un novo acceso. Dende o vestíbulo poderá accederse á aula, aseos, sala de exposicións, escenario e tamén ao antigo edificio. Na primeira planta o proxecto plantexa a dotación dunha aula multimedia e biblioteca.  Na parte exterior actuouse con gran sinxeleza, coa dotación dunha estreita franxa de céspede que remata nun zócalo de granito da sala de exposicións.

Durante está visita do rexedor acordouse ademais facer cambios na orientación das lamas de madeira que cubren o ventanal da primeira planta.

Esta actuación, cunha inversión de 146.500 euros, financiarase coa subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco das subvencións aos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia, ás que o Concello de Silleda concorreu co proxecto de mellora do Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira, e con fondos municipais. Así, o Concello aportará 47.070 euros a esta obra.

Cuíña, que destaca que esta actuación supón unha das maiores inversión deste ano no municipio de Silleda, explica que a mellora poderá inaugurarse nas vindeiras semanas.