As obras do Centro Multiusos de Inserción Social de Silleda, a punto de rematar

Silleda, 10 de abril de 2018.  As obras para crear unha centro multiusos  no recinto deportivo da capital municipal están a piques de rematar.  O proxecto denominado Centro Multiusos de Inserción Social execútase con cargo ao programa Leader -a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte-e supón un investimento de 101.446 euros.

Esta nova dotación está situada entre o recinto das piscinas municipais de  de Silleda e o campo de Outeiriño, co que os usuarios de ambalas dúas instalacións poderán utilizar de forma complementaria este recinto. Este centro tamén está situado preto do pavillón municipal pavillón deportivo “César G. Fares”.

As novas instalacións contan con aseos, unha sala principal polivalente e outras dúas aulas máis. A día de hoxe xa está prácticamente listo o acondicionamento interior do local, restando o acabado exterior e a dotación de portas e ventanas.

“Cremos que se trata dunha actación moi beneficiosa para os veciños e veciñas xa que virá a complementar a oferta de servizos que temos en canto a instalacións”, sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, que hoxe visitou os traballos.

“A zona deportiva contará nas vindeiras semanas cun novo espazo de carácter social onde se poderán realizar distintas actividades”, engade o concelleiro.