Comeza a elaboración do Inventario de Bens Municipais do Concello de Silleda

Silleda, 2 de xullo de 2015. O Concello de Silleda, a través do programa Depogap, xestión de activos da provincia de Pontevedra, acaba de iniciar a redacción do Inventario de Bens Municipais.

Hoxe celebrouse no consistorio a primeira reunión de traballo, á que asistiron membros do equipo de traballo do programa Depogap, o alcalde, Manuel Cuiña e técnicos municipais.

 Neste primeiro encontro repartíronse as tarefas dos técnicos, que facilitarán a información precisa para a redacción do citado documento.

“Establecéronse as liñas xerais de traballo e as tarefas que se realizarán, e xa na xornada de hoxe se comezou a facilitar algunha da información solicitada”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, xa se entregou documentación relativa a cuestións coma o alumeado público municipal.

Este programa ten por obxectivo principal dotar aos municipios de información interna que lles permita optimizar a xestión dos seus activos e que lles axude na toma de decisións.

Por activos municipais enténdese o conxunto de bens, dereitos e recursos que pertencen ao ámbito municipal (edificios públicos, instalacións polideportivas, centros de ensino, vías públicas, parques e xardíns, iluminación pública, flota de vehículos, redes de auga e sumidoiros, iluminación pública…).

O alcance e desenvolvemento do proxecto Depogap contempla a realización dun inventario de activos, no que se recopilarán todos os bens e recursos do ámbito municipal.

“En Silleda precisamos contar con un inventario de bens municipais e por iso consideramos que este programa é unha boa oportunidade para levar a cabo este traballo, que ademais non ten custes para as arcas municipais”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Preto de 2.000 fincas

Coa realización deste traballo rexistaranse tamén activos importantes como as preto de 2.000 fincas que pertencen á Administración Local, e que están sen inventariar no Concello a día de hoxe.

O programa inclúe tamén a elaboración dun catálogo de normas e procedementos de actuación dos activos municipais para garantir a súa actualización de forma continuada, así como dotación de unha plataforma tecnolóxica para a xestións dos activos a nivel provincial, entre outros.

“A través deste convenio realizarase o inventario de bens municipais no que figurarán dende o alumeado público, a edificios, rede eléctrica, sumidoiros, cemiterios…ata as estacións depuradoras ”, indica Cuiña.

A través deste inventario optimizarase a xestión dos recursos públicos, outro dos obxectivos do programa, xa que estes activos e o seu mantemento constitúen unha das principais partidas de gasto nas administracións, polo que a mellora na súa xestión é tamén fundamental.