Comezan as obras de reforma integral do campo de fútbol da Gandareira

Silleda, 29 de agosto de 2017.  Hoxe deron comezo as obras da primeira fase da remodelación integral do Campo de Fútbol da Gandareira, na Bandeira.

A empresa adxudicataria desta actuación, Taboada y Ramos, iniciou os traballos desta agardada actuación, na que se investirán máis de 400.000 euros, financiados a través dun convenio coa Deputación de Pontevedra.

Esta dotación é unha das máis agardadas tendo en conta que o da Bandeira é o único dos 4 campos de fútbol de Silleda que aínda ten o terreo de xogo en terra.

Esta obra, será unha das grandes inversión deste ano en Silleda no ámbito das infraestruturas deportivas xunto coa renovación da manta de herba sintética do campo de Outeiriño en Silleda, rematada a principios deste mes. Os traballos na Gandareira comezaron co derribo dos cierres do campo. Ademais dos operarios da firma adxudicataria, varios traballadores municipais colaboraron nesta primeira xornada na retirada de material aproveitable e diversos enseres que se gardarán mentres duren as obras.

“Hoxe iniciamos a que será unha das grandes actuacións desta lexislatura, que xunto coa renovación do terreo de xogo de Outeiriño, e outras melloras virán a situar ao noso municipio nun dos que contan con mellores infraestruturas deportivas”, apunta o alcalde, Manuel Cuiña, que hoxe se achegou ata a Gandareira.

Ademais da dotación de herba artificial, similar a do campo de Outeiriño-tamén se construirán novas gradas e aseos con esta reforma integral.

Os campos de fútbol de Silleda e da Bandeira súmanse ás obras realizadas polo Concello nos anos 2012 e 2013 nos campos de Lamela e Laro, respectivamente, coa dotación de terreos de xogo de herba natural. Nestes dous últimos continúanse a facer melloras tamén como a da colocación de colectores solares para contar con auga quente sanitaria.

“Dende o Concello de Silleda apostamos por mellorar os equipamentos deportivos con distintas obras de mellora ás que agora se suma a agardada e necesaria remodelación integral do campo da Gandareira”, engade o alcalde.