Comezan as obras do albergue de peregrinos da Bandeira

Silleda, 14 de xaneiro de 2013. As agardadas obras do albergue de peregrinos da Bandeira comezaron hoxe na rúa Agro do Balo, onde o Concello conta coa parcela cedida por unha familia da localidade para contar con esta dotación. A empresa adxudicataria dos traballos, Aopil, inicio as labores previas para a instalación do edificio, que contar con 13 módulos prefabricados. Así, a empresa comeza os traballos estes días coa limpeza do solar e o movemento de terras.

Responsables e operarios da firma adxudicataria reuníronse hoxe na parcela cos técnicos municipais e cos concelleiros responsables de Turismo e de Obras e Servizos, Matías Rodríguez da Torre e Manuel Cuíña Fernández, respectivamente, para establecer distintos aspectos sobre o inicio das obras.

Ao Concello de Silleda correspóndelle ademais a instalación de servizos básicos (auga, saneamento..), aspectos que se abordaron no encontro que tivo lugar esta mañá.

Segundo manifestou o responsable de Aopil, o albergue da Bandeira estará listo a finais do vindeiro mes de marzo, para a Semana Santa, ofrecendo un novo e necesario servizo para os peregrinos que realizan cada ano a Ruta da Prata.

Entrada principal pola rúa Lourás

A dotación, con 13 módulos prefabricados, foi adxudicada recentemente por parte da Secretaría Xeral de turismo á citada empresa, por importe de 216.016 euros. A parcela da propiedade dunha  familia da Bandeira, á que dende o Concello se lle agradece a cesión realizada mediante convenio, terá o acceso principal dende a rúa Lourás.

 O edificio construirase coa colocación dun total de 13 módulos prefabricados de alta calidade, con climatización, un patio interior cuberto, e instalacións de enerxías renovables, en pranta baixa. A capacidade, como xa se anunciou no seu día, é de 36 prazas. O espazo distribuese en dormitorios, dormitorios para persoas con discapacidade, aseos, duchas e cociña-comedor. Así mesmo, as zonas disponibles entre os módulos servirán como áreas de descanso e zona de lavado e secado.

O exterior do edificio quedará revestido con paneis de resinas termoendurecibles (tipo “trespa”), mentras que os espazos xenerados entre os módulos realizaranse a base de pranchas de polietileno reticulado. O convenio entre o Concello de Silleda e o Xacobeo establece que a cesión do terreo se realizará por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de revisar o acordo no primeiro lustro.