En marcha as obras para habilitar o Centro de Acollida Temporal na vivenda da estación ferroviaria de Ponte Taboada

Silleda, 17 de xaneiro de 2014. As obras de reparación e acondicionamento da vivenda central  da estación ferroviaria de Ponte Taboada, para habilitar un Centro de Acollida Temporal, comezaron en días pasados.

A habilitación deste espazo, destinado a acoller de xeito temporal a familias en risco de exclusión social ou afectadas por situacións coma un desafiuzamento, é un dos piares básicos do programa Silleda Solidaria, que se puxo en marcha a finais de 2012, como unha rede de axuda ás familias con menos recursos económicos.

Unha vez analizados os orzamentos necesarios para acometer as reparacións interiores da vivenda (no edificio central da estación de tren) ou a reposición das ventanas, entre outros arranxos, as obras iniciaronse a semana pasada con tarefas previas ao pintado e acondicionamento das paredes, teitos… Así mesmo, tamén se están a realizar traballos de fontanería e electricidade.

En maio de 2013 o Concello asinou coa delegación de Patrimonio e Urbanismo Noroeste do Adif o contrato de arrendamento do edificio central da estación ferroviaria de Ponte Taboada, para convertilo no chamado  centro de acollida de transición da vida autónoma.

O contrato de arrendamento, por un periodo de 15 anos, estabrece o pago duns 100 euros ao mes. O pago mensual vense realizando dende o pasado mes de xullo.

 “O edificio ten a estrutura en bo estado, pero é preciso facer unha reparación na zona interior”, engade o alcalde, Manuel Cuíña. A vivenda conta con 5 habitacións, cociña, baño e outras dependencias. Dende o Adif, á vista de que se realizarán obras de reparación e do destino do edificio, cun carácter social, fíxose ademais unha rebaixa ao Concello no prezo habitual de arrendamento.

Para o financiamento das obras o Concello conta coa partida da recadación dos parquins solidarios, que se puxeron en marcha durante xuño do ano pasado, coa celebración da Feira Semana Verde. En total, recadáronse con esta iniciativa  12.839,28 euros, dos que houbo que detraer gastos de loxística e personal, quedando a cantidade en 8.939,58 euros. Desta partida tamén se destinaron 900 euros á axuda para a  compra de libros e material escolar de familias con poucos recursos. Logo do reparto destas axudas, os fondos resultantes, 7.959,75 euros, irán destinados íntegramente aos arranxos do Centro de Acollida Temporal de Taboada.

“Os traballos prolongaranse aínda por varias semanas, pero agardamos que o acondicionamento deste centro poida quedar listo o antes posible para entrar xa en funcionamento”, indica Manuel Cuíña.

Este centro ven a completar outras liñas de actuación do programa municipal, que xurdiu á vista  do aumento da demanda nos Servizos Sociais e dun cambio no perfil dos usuarios deste departamento. A crise económica financiera e o consecuente aumento do desemprego no municipio de Silleda, cunha gran maioría da poboación empregada en sectores dos máis afectados pola situación citada (construcción, servizos…) están detrás desta demanda progresiva.

O banco de alimentos, o roupeiro municipal ou o banco de libros son outras das iniciativas incluídas en Silleda Solidaria, que continúa a recibir as aportacións de veciños e colectivos aos que dende o Concello se reitera o agradecemento pola súa colaboración.