Instaladas xa as novas farolas no primeiro tramo da rúa Trasdeza

Silleda, 21 de maio de 2015. Hoxe quedaron rematados os traballos de renovación do alumeado público no primeiro tramo da rúa Trasdeza. O proxecto de eficiencia enerxética, con unha inversión de 48.759 euros, foi realizado pola firma Galega de Técnicas e Investimentos, coa dotación de 19 novos puntos de luz, máis altos e con tecnoloxía LED. Esta noite estarán xa en servizo todas as luminarias.

 “Esta actuación permitirá mellorar a calidade da iluminación e reforzar aomesmo tempo a seguridade viaria na rúa Tradeza”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña.

O tramo de entrada á vila dende Santiago (dende o restaurante A Culler ata a altura do consistorio) conta a día de hoxe con 17 puntos de luz. Con este proxecto instaláronse 2 máis, pasando a contar con 19 farolas de maior altura e con luminarias LED “unha tecnoloxía que aporta máis luz e á vez permite un maior aforro”, engade Cuiña.

Esta actuación financiase con fondos municipais e coa cantidade que lle corresponde ao Concello de Silleda do Fondo de Compensación Ambiental, pola instalación de parques eólicos.

Este proxecto súmase á renovación de luminarias, tamén instalando outras de tecnoloxía LED nos 4 tramos principais adxacentes á rúa Tradeza: rúa Progreso, avenida do Parque, rúa Venezuela e rúa María Colmeiro. A inversión neste caso é de 120.000 euros e as obras está previsto que comecen a vindeira semana.