Libros na rúa recadou un total de 317 euros para o programa Silleda Solidaria

Silleda, 24 de maio de 2017. O terceiro certame de Libros na Rúa, organizado pola Concellería de Educación de Silleda e que se celebrou o pasado venres cun notable ético recadou un total 317 euros.

Ademais de actividades de animación á lectura e varios obradoiros que encheron na xornada do pasado venres a praza da Igrexa de Silleda, a venda de exemplares a un prezo unitario de 1 euro logrou recadar esta cantidade que se destinará ao programa municipal Silleda Solidaria.  “Unha vez máis a iniciativa foi todo un éxito. O resultado é que ademais de conseguir que máis de 317 libros cambiaran de man, que os nenos e nenas celebraran unha xornada arredor da lectura, entre todos logramos que o programa municipal Silleda Solidaria dispoña de máis fondos para poder seguir axudando ás persoas con menos recursos”, indica a concelleira de Educación, Pilar Peón.

Así, agradece a todos os centros educativos e Anpas que participaron na xornada a súa “grandísima colaboración con esta actividade, así como a todas aquelas persoas que contribuíron mercando libros con esta iniciativa”, engade a concelleira.

Libros na rúa naceu no ano 2015 como unha fórmula novidosa enmarcada na celebración do Mes das Letras. Ademais da venda de exemplares, en títulos e xéneros moi variados, celebráronse actividades de contacontos e obradoiros de elaboración de chapas, marcapáxinas ou dados contacontos, entre outros.