María do Ceo presenta este domingo na Bandeira o seu disco Cancións para nenas e nenos

Silleda, 24 de novembro de 2017.  A cantante María do Ceo actúa este domingo día 26 no municipio de Silleda, presentando o seu libro disco “Cancións para nenos e nenas”.

A cita, para o público familiar, será no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira, ás 17:30 horas, con entrada libre. Unha ducia de cancións compoñen este disco didáctico, con portada ilustrada pola silledense Luchy López Brea.

Así mesmo dende a Concellería de Benestar procederase a colocar unha urna solidaria para todas aquelas persoas que desexen facer aportacións ao programa Silleda Solidaria.

Trátase de cancións didácticas para que os nenos aprendan escoitando sobre valores como a liberdade, solidaridade, igualdade ou a diversidade.

No espectáculo, antes de cada canción María do Ceo realiza unha breve explicación do tema. Poemas de Neira Vilas, Luis González Tosar, ou Armando González figuran neste novo traballo discográfico da cantante, con temas musicados pola propia cantante, ou autores coma Suso Vaamonde ou Xosé Lueiro.

Esta actuación forma parte da programación da Concellería de Cultura de Silleda, que dirixe Ana Luisa González, e será o preámbulo das actividades de Nadal que se presentarán nos vindeiros días