Nova reunión cos veciños de Pazos para a regulación do aparcamento e tránsito dos visitantes da Fervenza do Toxa

Silleda,  14 de marzo de 2019.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira de Turismo, Ana Luisa González, mantiveron en días pasados un novo encontro coa veciñanza da parroquia de Pazos para falar da regulación do tráfico no acceso á Fervenza do Toxa, un dos paraxes máis visitados do municipio de Silleda.

O Concello de Silleda remataba hai uns meses o proceso de regularización do tráfico, coa habilitación dun aparcadoiro con 80 prazas e a prohibición de circular na pista que vai cara a Quintás e o miradoiro da Fervenza. Pese a estas medidas, nas últimas semanas rexistraronse casos de vehículos estacionados en fincas privadas, preto do miradoiro, e tamén danos vandálicos como a rotura dunha das barreiras de madeira que impide baixar en coche ata a Fervenza, logo da peonalización de todo o tramo.

Durante o encontro os veciños e veciñas de Pazos reiteraron a problemática que suponía a elevada circulación de tráfico en zonas como a aldea de Quintás (cun acceso moi estreito entre as vivendas) ou o estacionamento de vehículos en fincas privadas preto do miradoiro, que nalgún caso ocasionou danos materiais aos particulares.

Precisamente estes feitos, xunto coa necesidade de protexer o entorno, motivaron a decisión de retirar o tráfico da zona e mellorar a sinalización.

Durante o encontro, ao que tamén asistiu o inspector xefe da Policía Local, acordouse instalar sinais de prohibido estacionar en todo o entorno da pista do miradoiro e a zona de Quintás, onde tamén se colocará unha sinal de vía sen saída.

Tamén se colocarán indicacións para que os visitantes accedan de forma directa no camiño de volta á vía autonómica PO 204.

O Concello de Silleda xa advertiu que os condutores que non respeten a sinalización serán sancionados.

Melloras no aparcamento

Outra das cuestións abordadas foi a colocación de peches nas fincas privadas cercanas ao miradoiro, con materiais nobles, e de xeito uniforme. Durante a reunión os responsables municipais explicaron que esta dotación se incluiu no proxecto presentado á subvención da Axencia Galega de Turismo para continuar a mellora deste espazo.

A través desta subvención búscase  continuar mellorando o aparcamento que se dotou o pasado ano no entorno deste enclave natural con fondos municipais, completando o proxecto iniciado en 2016 para retirar o tráfico rodado no entorno da fervenza, mellorar o sendeiro de baixada e completar a sinalización. Tamén se canalizarán as augas pluviais, e está previsto adecencentar e implementar as sinais no novo sendeiro habilitado dende o propio parquin para chegar ata o miradoiro.

“Actuaremos no primeiro tramo deste sendeiro que se recuperou coa apertura do estacionamento, sempre con solucións respetuosas co entorno, xa que temos que ter en conta que está incluido na Rede Natura 2000 e no Sistema Fluvial Ulla-Deza”, engade a concelleira.

No sendeiro prevese realizar una pavimentación con celosías vexetais , co que tamén se reforza a seguridade dos visitantes.

Outra das iniciativas que plantexa o proxecto do Concello de Silleda, cun orzamento que ronda os 40.000 euros,  é a dotación de alumeado, con instalación dun sistema de báculos soterrados co que tamén se mellora a seguridade dos usuarios.

O proxecto tamén inclue a colocación de estacas de madeira nos terreos da pista que vai ao mirador para evitar o estacionamento de vehículos en fincas privadas.