O Campo de fútbol de Outeiriño reabre as súas portas este sábado logo das obras de mellora

Silleda,  2 de agosto de 2017.  Este sábado día 5 terá lugar o acto de reapertura do campo de fútbol de Outeiriño, en Silleda, logo das melloras realizadas no último mes nestas dependencias deportivas. O acto comezará ás 19:00 horas e contará coa celebración de encontros entre as distintas categorías dos equipos de fútbol do municipio e a Escola de Fútbol de Silleda. Tamén actuará a Banda de Música Municipal de Silleda.

A reapertura estará presidida polo alcalde, Manuel Cuiña, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Os traballos realizados, cunha inversión de 214.000 euros, consistiron na renovación de todo o terreo de xogo, que loce agora co céspede artifical de última xeneración, o máis novidoso no mercado. A inversión contemplouse no orzamento municipal deste ano, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

“Esta era unha das obras máis agardadas no ámbito das infraestruturas deportivas no noso municipio tendo en conta que o campo acusaba un grave deterioro”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Ademais da renovación da herba artificial tamén se procedeu a reforzar un dos muros do campo e a pintar todo o peche perimetral.

Con esta actuación mellorase considerablemente este recinto deportivo, moi utilizado ao longo do ano por un gran número de usuarios.

Convite aos veciños e veciñas

Dende o Concello de Silleda o alcalde, Manuel Cuiña, convida aos veciños a asistir a este evento de reapertura do Outeriño “que xa na vindeira tempada estreará un terreo de xogo de última xeneración”, engade o rexedor.