O colectivo Sarela impartirá unha charla para as auxiliares do SAF

Silleda, 26 de febreiro de 2018.  O vindeiro venres día 2 terá lugar na Cas da Cultura de Silleda unha sesión informativa do colectivo Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela) dirixida a profesionais auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar.

Terapeutas ocupacionais deste colectivo impartirán a charla co obxectivo de sinalar a necesidade de realizar certas tarefas promovendo a máxima autonomía das persoas con Dano Cerebral Adquirido.

Durante a sesión darán información sobre esta afección, características das persoas con hemiplexia e axudas técnicas e adaptacións. Tamén está previsto desenvolver unha parte práctica da realización de transferencias e posicionamento.

Dende o departamento de Benestar Social a concelleira Pilar Peón agradece ao colectivo Sarela que incluira a Silleda na súa campaña informativa. “Consideramos que a sesión será moi beneficiosa para que as persoas que traballan como auxiliares no servizo amplíen coñecementos e se  continue a mellorar o servizo que se ofrece aos usuarios e usuarias”, engade.