O Concello arranxará a ermida de San Sebastián, na parroquia de Moalde

Silleda, 2 de novembro de 2013. O goberno municipal de Silleda aprobou o proxecto para a mellora da Capela de San Sebastián, situada no alto do mesmo nome, na parroquia de Moalde. A actuación consiste na reconstrucción da cuberta e acondicionamento exterior desta ermida. Trátase das obras máis urxentes debido ao mal estado da edificación, que ademais está desvirtuada estéticamente respecto ao seu estado orixinal.

“É unha obra que solicitaron os veciños e veciñas de Moalde, para a recuperación deste edificio emblemático que está moi deteriorado e que ademais sufríu distintas aberracións nos últimos anos ”, sinala o alcalde e responsable de Obras, Manuel Cuíña. O proxecto, cun orzamento total de 23.056 euros, incluiráse no Plan de Investimentos da Deputación (PID).

A capela está situada no cumio do Alto de Xindiriz, a  preto de 700 metros de altitude, un entorno con grandes vistas sobre os vales que o rodean. A capela, adicada a San Sebastián, ten pranta rectangular e conta cun soportal de acceso na entrada principal. A cuberta, que orixinariamente era de madeira, foi substituída por pranchas de formigón armado, nunha das pouco acertadas intervencións.

“Con esta iniciativa pretendese conservar a tipoloxía orixinal da construcción”, destaca Cuíña. Así, a cuberta de formigón será substituída por outra con estatura de madeira sobre a se colocará como remate exterior tella cerámica curva.

Tamén se retirará o morteiro aplicado tanto nas fachadas coma no interior do edificio, recuperándose a pedra orixinal que se limpará e encintará.

Mellora de rúas

Esta actuación súmase á mellora e adecuación nos cruces da rúa Progreso e a praza Siñor Afranio, en Silleda, outro dos proxectos do PIP cun orzamento de case 50.000 euros.   Esta obra enmárcase na filosofía de continuar  avanzando na mellora e humanización de espazos urbanos, neste caso coa reforma da rúa Progreso, no cruce coa Emilio Alonso Paz, e coa praza Siñor Afranio eliminando barreiras arquitectónicas e mellorando polo tanto en accesibilidade e seguridade.