O Concello continuará reclamando o patio cuberto para o CEIP de Silleda

Silleda, 3 de setembro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña Fernández, e a concelleira de Educación, Pilar Peón, visitaron hoxe o CEIP de Silleda xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, o delegado de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, e membros da Unidade Técnica e directivos do centro, coa directora Silva Peña, ao fronte.

Ademais de ver os traballos realizados pola consellería, coa reposición da cuberta en dous puntos das aulas de infantil, durante o percorrido polas instalacións tamén se puxeron de relevo outras necesidades do centro, con 360 alumnos/as e que foi construido hai 46 anos.

Dende a Consellería, Pérez Ares, sinalou que o patio cuberto, que se vén demandando dende hai anos, non se pode realizar “a curto prazo, porque hai que priorizar necesidade e optimizar recursos”. O delegado reiterou que a día de hoxe hai outras prioridades coma os problemas de humidades causados polas filtracións de auga en puntos coma o comedor do centro, a caldeira da calefacción, posibile aumento de aulas ou arranxos en aseos e sinalou que o patio cuberto dependerá da dispoñibilidade económica nun futuro.

Pola súa banda, dende o Concello, o alcalde Manuel Cuíña apuntou que “seguiremos apoiando as demandas do profesorado, Anpa e a comunidade educativa. Entendemos que os tempos veñen dados, o Concello está aínda máis limitado que outras administracións pero continuaremos demandando a cuberta no patio, mentres agardamos que se poidan resolver os problemas máis acuciantes”, declarou.

Cores Tourís advertiu que este ano a partida para Educación na provincia foi de 2,3 millóns de euros e destacou a colaboración que están a ter os Concellos, non só no mantemento de instalacións senon tamén facendo outras obras, “aínda que hai que continuar priorizando”.

A concelleira de Educación, Pilar Peón, aproveitou o encontro para expoñer ao delegado de Educación,  ademais das prioridades do CEIP de Silleda (caldeira de calefacción e humidades) outras necesidades no CEIP da Bandeira, coma a renovación da cuberta no edificio de infantil.

Así mesmo, o alcalde comprometeuse a requerir aos propietarios dunha pequena parcela contigua á parte traseira do pavillón do CEIP, con varios eucaliptos, que adopten as medidas oportunas xa que as follas destas especies afectan á conservación da cuberta do edificio.