O Concello de Silleda edita un díptico informativo sobre os recursos e programas que se ofertan dende Servizos Sociais

O documento remitirase nos vindeiros días a todos os domicilios do municipio a fin de informar á veciñanza sobre os servizos dos que dispón, dende o programa do Alzheimer, ata prestacións económicas ou plans coma o Silleda Activa

Silleda, 9 de decembro de 2018.  O departamento de Benestar Social do Concello de Silleda, que dirixe a concelleira Pili Peón vén de editar un díptico informativo que baixo o lema “Silleda Social” recolle distinta información sobre os recursos e programas que se ofertan á cidadanía neste departamento.

Un dos apartados destacados é o do Programa de Atención Integral a Persoas con Alzheimer e outras demencias e ás súas familias, que dende o ano 2015 conta con cursos para familiares e coidadores, obradoiros de estimulación cognitiva para os enfermos/as así como asesoramento ás familias.

Recursos asistencias coma a teleasistencia domiciliaria, e outros aos que se pode acceder unha vez valorado o grao de dependencia (Servizo de Axuda no Fogar, xeolocalización, asistente persoal…) así como un resumo das prestacións económicas (Pensións Non Contributivas, RISGA, axuda a emigrantes retornados…) ou recursos para menores tamén figuran nesta publicación.

Recóllense así mesmo programas lúdicos e de benestar (Xuntos polo nadal, termalismo social, viaxes do Imserso) e recursos de carácter exclusivamente municipal como as axudas de emerxencia social, o programa Silleda Solidaria e o Silleda Activa, con actividades gratuitas para o colectivo dos maiores.

Os dípticos enviaranse a partir da vindeira semana a todos os domicilios do municipio e estarán dispoñibles tamén nos centros públicos.

“Queremos que a xente teña información sobre todo o que se ofrece, xa que ás veces por descoñecemento non están accedendo a servizos aos que terían dereito”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

A concelleira Pilar Peón explica que se trata dun resumo “moi básico dos distintos recursos, pero que o que se buca no fondo é que a xente poida chamar ao departamento de Servizos Sociais ou achegarse ata aquí ante calquera dúbida para obter máis información”, engade, recalcando que o “benestar das persoas é unha das grandes prioridades do goberno municipal, que nos últimos anos apostou por programas como a atención integral a persoas con Alzhéimer o outras demencias, triplicando o seu orzamento”.

Sen copago

A concelleira de Benestar Social tamén destaca que as actividades do Programa Silleda Activa, para fomentar o envellecemento activo da poboación son sen copago, totalmente gratuitas para os usuarios e usuarias.