O Concello de Silleda realiza obras de mellora nos campos de fútbol de Laro e Lamela

Silleda, 17 de agosto de 2015. O Concello de Silleda a través do departamento de Deportes, que dirixe Ana Luisa González Costa, está a realizar melloras nos campos de fútbol de Laro e Lamela, dotados ámbolos dous de herba natural.

Estas actuacións chegan despois de que a responsable municipal de Deportes mantivera reunión cos dous clubes, de cara a coñecer tamén as suas necesidades para a vindeira tempada.

Así, no campo de Laro, onde o terreo de xogo se atopaba moi deteriorado, procedeuse a realizar nos últimos días unha hidrosiembra para mellorar o céspede e nos vindeiros días realizaranse tarefas de picado, ao igual que no campo de Mularedos, en Lamela.

Estas tarefas de picado do terreo de xogo, para lograr unha maior filtración do terreo, levaranse a cabo coas máquinas solicitadas á Deputación de Pontevedra. No caso de Lamela os traballos realizaránse os días 7 e 8 de setembro e no caso do campo de Agronovo, en Laro, está previsto que se realicen nas xornadas do 16 e 17 de setembro.

“Con estas actuacións comezamos a dar resposta ás demandas que nos plantearon os clubes e que temos que continuar nos vindeiros meses”, explica a concelleira.

Así, no caso do campo de Lamela, tamén se tratará de dar solución próximamente aos problemas de suministro para o correcto regado do céspede.

Reunión cos equipos da Bandeira e Silleda

Por outra banda, Ana Luisa González reunirase esta tarde coa directiva da S.D. Bandeira  e está a espera de que a S.D. Silleda fixe tamén un encontro para analizar as demandas e necesidades destes clubes.