O Concello investirá máis de 170.000 euros na mellora dos accesos ao núcleo de Siador

Silleda, 30 de agosto de 2017.  O Concello de Silleda mellorará os accesos e pistas entre entre as vivendas do núcleo de Siador. Logo de estudar a situación dos viais, con graves desperfectos, nunha xuntanza o pasado mes de xuño, o alcalde, Manuel Cuiña e o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, volveron a reunirse cos veciños e veciñas para presentarlles xa o proxecto de actuación.

A inversión total supera os 170.000 euros, executándose a obra en dúas fases. Nunha primeira, que se realizará xa este ano, mellorarase o acceso principal ao lugar, ancheando a vía e construindo un muro de contención. “Está actuación é moi necesaria xa que a pista, tal e como está, corre o risco de derrubarse”, indica o alcalde. O acceso principal, con fondos baches, dotarase de aglomerado, barandillas para o citado muro, e as correspondentes canalizacións. A inversión nesta primeira fase será de 115.000 euros.

Cuiña avanzou que o proxecto se aprobará na vindeira xunta de goberno local e que a actuación restante, coa que se mellorará todo o viario que transcurre entre as vivendas, se incluirá, cunha dotación aproximada doutros 60.000 euros, no orzamento municipal de 2018.

Nese caso o viario entre as vivendas –de escasas dimensións-mellorarase con formigonado.

Esta actuación acometese con fondos propios municipais, “co ánimo de seguir mellorando a nosa extensa rede viaria do rural”, engade Cuiña.