O Concello realizará as obras de reparación xunto a ponte da autopista en Moalde

 

Silleda, 28 de xaneiro de 2013. O Concello de Silleda terá que asumir finalmente as obras de reparación do tramo da estrada A Bandeira-Moalde que presenta graves deficiencias. A existencia dun socavón de dimensións considerables xusto á entrada da ponte sobre a autopista Santiago-Ourense (AP-53).

O pasado día 10 de xaneiro dende o Concello emitiuse un decreto esixindo responsabilidades á empresa Acega, concesionaria da AP-53, xa que o mal estado do vial se debe a fallos na construcción da xunta de dilatación da ponte. Nese decreto, que tamén se remitiu ao Ministerio de Fomento, concedíaselle un prazo de 10 días hábiles, á empresa concesionaria para que fixese os arranxos precisos. Dende a empresa respondeuse ao decreto negando ter responsabilidades nos desperfectos, ao igual que fixeran con anterioridade.

Deste xeito, e tal e como xa se advertira na resolución municipal, será o Concello quen acometa os traballos de reparación. “Este punto é moi perigoso e aínda por riba en días de choiva coma os da última semana prodúcese unha balsa de auga que dificulta aínda máis a circulación”, explica o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña. “Non queremos ser responsables de posibles sinistros con consecuencias graves”, engade o concelleiro ao anunciar que será finalmente a Administración local que realice os traballos, coa reclamación xudical dos custes á empresa concesionaria.

Nos últimos días, dende o goberno municipal tamén se contactou coa Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, dende onde se contactou coa empresa para buscar unha solución negociada. O responsable da empresa está estes días ausente, polo que de momento a previsión de reparación dende o Concello seguirá adiante “dado o mal estado no que se atopa o tramo”, advirte Cuíña.

Mañá mesmo o concelleiro acudirá ata o lugar xunto cun técnico municipal para avanzar no proxecto de actuación.

Dende o goberno local iniciáronse xestións hai xa varios meses para proceder ao arranxo dos desperfectos. En xullo do pasado ano xa se lle enviou un primeiro requerimento á firma concesionaria, informando sobre o mal estado da ponte e da perigosidade que supón para os usarios da vía, xunto cun informe da Policía

Dende a empresa, recibiuse no mes de setembro resposta negando a súa responsabilidade. O afundimento está situado xusto nunha das conexións entre a pista, que é de titularidade municipal, e unha das esquinas da ponte. “Non se trata dun simple bacheo, senon que a reparación que hai que realizar é de carácter técnico”, engade Cuíña.